Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

Vídeos Xornadas



Inauguración

No acto inaugural participaron representantes da Deputación Provincial e do Concello de Lugo, da Facultade de Veterinaria e de Seragro.

Leguminosas forraxeiras adaptadas ás condicións agroclimáticas da cornixa cantábrica

A investigadora do Serida Adela Martínez-Fernández desenvolveu unha conferencia sobre cultivo de leguminosas forraxeiras adaptadas ás condicións agroclimáticas da cornixa cantábrica e destinadas á alimentación de ruminantes.

Manexo e nutrición de xatas desde o nacemento ata o parto

O doutor veterinario Robert Corbett (EE. UU.) falou como de facer unha recría eficiente desde o nacemento da xata ata o parto a través do manexo e da alimentación.

Que nos din os datos de podoloxía?

O técnico podólogo de Seragro Pedro Codesido abordou a importancia da recollida de información na granxa para descubrir as múltiples razóns das lesións podais e actuar en consecuencia.

Que vemos cunha boa xestión?

O responsable da Área de Xestión Técnico-Económica de Seragro, Gonzalo Gómez, analizou os puntos fortes e débiles das explotacións galegas, incidindo na importancia de planificar as actuacións para mellorar os resultados económicos.

Producir leite na Bretaña: os factores clave do desenvolvemento

O responsable de Marketing e Innovación da BCEL Ouest, Stéphane Saille, expuxo as principais tendencias do sector nesta rexión gala e repasou os factores clave do seu desenvolvemento.

O negocio de producir leite, unha visión estratéxica, económica e empresarial

O profesor e asesor de granxas Antonio Pallarés abordou a produción láctea como un negocio que, como tal, debe ter a súa visión estratéxica, económica e empresarial.

Mesa redonda. Xestión técnico-económica das explotacións

Gonzalo Gómez, Stéphane Saille e Antonio Pallarés integraron unha mesa redonda na que puxeron en común os seus coñecementos, comparando a situación das granxas galegas coas da Bretaña francesa en aspectos como o nivel de intensificación, a automatización de tarefas ou a diferenza de custos de produción.

Programa nacional de erradicación da tuberculose bovina en Galicia

A xefa da Área de Sanidade Animal da Xunta de Galicia, Marta Muñoz Mendoza, explicou o funcionamento do programa nacional de erradicación da tuberculose bovina e a situación actual desta enfermidade en Galicia.

Como poden a nutrición e o manexo evitar que as vacas enfermen na transición

O doutor veterinario Robert Corbett (EE. UU.) volveu ao estrado para falar, neste caso, de como a alimentación e o manexo poden evitar que as vacas enfermen no período crítico da transición.

Un xeito de medrar

O gandeiro Manuel Candamio expuxo os cambios adoptados na súa granxa nos últimos anos, os cales lle permitiron mellorar as cifras de produtividade reducindo o número de vacas en muxidura e case duplicando a produción.

Uso do cronómetro como ferramenta de traballo na rutina de muxido

O gandeiro Manuel Arias e o veterinario de Seragro Francisco Sesto desenvolveron unha charla centrada no uso do cronómetro na sala de muxido co obxectivo de conseguir un muxido tranquilo, sosegado, sen présas pero sen pausas.

O sector leiteiro visto polos gandeiros

Mesa redonda integrada por catro produtores que, á súa vez, pertencen ao mundo cooperativo, sindical e do asociacionismo. Eles son Manuel Iglesias (OPL), Román Santalla (Unións Agrarias-UPA), Roberto López (Agromuralla) e José Ángel Purriños (Cooperativa Os Irmandiños).

Estratexia de comunicación para a promoción e o consumo de leite da Inlac

Águeda García-Agulló presentou a estratexia de comunicación e de promoción da Inlac -organización que dirixe- e as diferentes liñas de traballo postas en marcha por esta organización co obxectivo de aumentar o consumo de leite e de produtos lácteos.