Presentación das XI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro o 8 de novembro no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.
Na inauguración das XI Xornadas participou o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente de Seragro S. Coop. Galega, Rogelio Grille Barbeira; e o decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Germán Santamarina Pernas.
O director do Departamento de Produto de Núter-Feed, Diego Martínez del Olmo, expuxo os diferentes indicadores para unha correcta monitorización pre e posparto.
Gabriel Adin, director do Departamento de Gandería do Ministerio de Agricultura de Israel, explicou como se manexan e se alimentan as vacas de alta produción no seu país.
Pablo Salgado, técnico de Seragro S. Coop. Galega, compartiu cos asistentes os resultados dun estudo no que se compararon dous grupos de explotacións con bo e mal manexo da saúde podal.
O doutor enxeñeiro agrónomo e técnico de Conafe, Noureddine Charfeddine expuxo os factores de risco e o diagnóstico por comparación da saúde podal nas ganderías de vacún de leite en Galicia.
O confort no vacún de leite foi analizado por Eva Mainau, investigadora do Servizo de Nutrición e Benestar Animal da UAB, que falou do Welfare Quality, un proxecto de investigación da UE que propón unha serie de protocolos para a valoración do benestar.
Gabriel Adin, director do Departamento de Gandería do Ministerio de Agricultura de Israel, volveu a intervir para compartir cos asistentes ás Xornadas as claves da recría no seu país.
O enxeñeiro agrónomo e responsable do Departamento Técnico de Os Irmandiños S. Coop Galega, Ángel Miranda, centrouse nas continuas decisións que o gandeiro debe afrontar para abastecer de forraxes de calidade a súa explotación e para facelo a un custo competitivo.
Os veterinarios do Servizo de Calidade do Leite de Seragro Martín López e Noelia Mourazos abordaron o período seco desde o punto de vista dos factores que condicionan a súa eficiencia en termos de saúde do ubre.
Este ano, as Xornadas contaron coa participación de dous gandeiros galegos que compartiron co auditorio a experiencia do día a día nas súas explotacións, a SAT Casa Menor de Boimorto e a SAT Familia Martínez de Vilasantar, ambas da provincia da Coruña.
Antes da mesa redonda, Francisco José Ónega López, investigador do Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Lugo, intentou darlles resposta ás preguntas: interesa/necesítase máis terra?, hai máis terra?, pódese conseguir máis terra?
Na mesa redonda abordáronse temas de actualidade como a futura PAC, a mobilidade de terras e os contratos lácteos. Participaron representantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, da Universidade de Santiago de Compostela e de Unións Agrarias.
As XI Xornadas quedaron clausuradas coa actuación do actor e monologuista Carlos Blanco e co tradicional brinde do leite, co que se pretende reivindicar e pór en valor o traballo dos produtores.