Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

As nosas XVI Xornadas Técnicas clausúranse cun grande éxito de asistencia

9 de Noviembre de 2018

Máis de 1.500 persoas, entre gandeiros, veterinarios, técnicos e demais profesionais do sector, pasaron entre onte e hoxe pola Facultade de Veterinaria de Lugo para asistir ao foro técnico que organizamos cada ano nestas datas.

A mañá deu comezo coa intervención de Francisco Javier Blanco Murcia, xefe do Servizo de Ruminantes do Hospital Clínico Veterinario da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid.

O experto, que combina a universidade co traballo en campo, disertou sobre as consecuencias económicas das enfermidades podais en vacas leiteiras.

Descensos de produción, incremento da taxa de eliminación precoz, redución da eficiencia reprodutiva, custos veterinarios extras e incremento do traballo do gandeiro constitúen os principais impactos económicos das alteracións podais. O relator insistiu en que a detección precoz dos problemas subclínicos resulta fundamental para establecer o tratamento adecuado e disminuír as perdas.

Asegurou que as coxeiras son “os procesos patolóxicos endémicos máis importantes presentes en Europa en termos de benestar animal e perdas económicas” e repasou algúns estudos que tratan de cuantificar o seu impacto tendo en conta os custos directos e indirectos, sendo estes últimos os que xeran as perdas máis importantes na economía da granxa.

A continuación, subiu ao escenario o enxeñeiro agrícola Iván Ansia Vázquez, que actualmente colabora como asistente de investigación na Universidade de Illinois (EE. UU.). A súa conferencia estivo centrada na nutrición e a socialización das xatas desde o nacemento ata a desteta, dous aspectos que considera claves para unha futura lactación máis produtiva.

Diversos estudos conclúen que o incremento de nutrientes a través do leite e o penso antes dos 56 días de vida aumentan o nivel produtivo na primeira lactación entre 450 e 1.300 kg.

En termos de ganancia de peso media diaria, por cada 100 gramos de incremento de peso, as xovencas producen 138,5 kg máis de leite durante a primeira lactación, sempre e cando superen un crecemento medio de 0,5 kg/día. Ademais, alcanzan o primeiro parto a unha idade máis temperá que aquelas alimentadas tradicionalmente.

Para lograr estes crecementos, o leite xoga un papel fundamental. Xatas con acceso a grandes volumes de leite –chegando a consumir entre 10 e 12 litros de leite con 4 semanas de vida– son capaces de dobrar a inxestión de nutrientes e gañar máis peso con respecto a animais alimentados de maneira tradicional.

O consumo de penso á desteta tamén xoga un papel importante na futura produción de leite, pero este consumo é practicamente inexistente ata a terceira semana e, por riba, a maior consumo de leite menor será o consumo de sólidos. Unha estratexia que parece que cumpriría con ambos os obxectivos (alta inxestión de leite e de penso) sería a técnica da baixada gradual, consistente en ofrecerlles leite a unha dose do 20 % do peso vivo ata os 30 días de vida e logo reducila ata o 10 % e mantela así ata a desteta.

Outra eficiente medida para incrementar a ganancia de peso e a inxestión de alimento é a pronta socialización das xatas. Diversos estudos demostran que xatas criadas en parellas ou grupos comezan antes a consumir alimento sólido e teñen unha maior inxestión de materia seca. Outras investigacións conclúen que son máis valentes, máis intelixentes e máis adaptables aos cambios, vantaxes que, se se manteñen na vida adulta, darán lugar a animais que respondan con menos estrés ás rutinas do día a día: cambios de lote e de ración, interaccións coa sala ou co robot de muxido, baños de pés, visitas veterinarias, posparto etc.

Como conseguen ser eficientes no país mexicano

O xerente de Control de Produción da Asociación Holstein de México, Carlos Augusto Hernández Mariscal, achegou a perspectiva máis internacional ao encontro cun relatorio sobre a situación global da gandería de vacún de leite no seu país.

Coa globalización da economía, México dependeu nos últimos anos do mercado mundial de materias primas para a alimentación do gando. A isto súmaselle a caída do peso fronte ao dólar e que o prezo do leite vén dado polas cotizacións internacionis, xa que, ao non ser un país autosuficiente, a produción propia compite no mercado co leite importado doutros lugares do mundo. Por todo isto, faise imprescindible avaliar minuciosamente a operatividade das explotacións para conseguir que sexan rendibles.

Ao longo da súa intervención, o mexicano mostrou algunhas estratexias encamiñadas a aumentar a eficiencia dos establos. O primeiro paso radica no rexistro exhaustivo dos gastos para determinar o custo de produción dun litro de leite, o punto de equilibrio, o momento óptimo para levar a cabo certas prácticas (por exemplo, o secado dunha vaca ou cando desfacerse dela) e identificar as áreas ás que se lles debe prestar máis atención para reducir este custo.

Un aspecto fundamental a ter en conta é a eficiencia alimentaria e para tal fin citou tres tácticas que non requiren dun investimento para implantalas, pero si un esforzo por parte dos traballadores á hora de facer os seus labores: reducir a porcentaxe de alimento sobrante, implementar dietas diferentes para as distintas etapas da lactación e aumentar a porcentaxe de forraxes na ración. Para valorar se estas estratexias están producindo os resultados esperados é necesario determinar con cada cambio o ingreso sobre o custo de alimentación tendo en conta todos os animais do establo e non só as vacas de produción.

Hernández Mariscal fixo fincapé en que ningunha estratexia será exitosa se non vai acompañada dun eficiente labor por parte do equipo humano que traballa na granxa, para o que recomendou elaborar rutinas e protocolos de traballo e definir os obxectivos de cada área para que cada empregado saiba exactamente o que ten que facer, como, cando e por que.

Sesión vespertina

O veterinario e perito en sinistros pecuarios Javier Camba Méndez deulle comezo ao último bloque das xornadas cunha conferencia sobre o valor da vaca morta a través da necropsia.

O relator presentou os resultados dun estudo realizado sobre unha poboación de 600 animais, a maioría femias, aos que se lles fixo a autopsia por non estar claras as circunstacias do falecemento, xa que a sintomatoloxía era moi similar nalgúns casos e a causa non se podería diagnosticar con certeza sen a realización dunha necropsia posterior. Encontráronse ata 28 causas de morte que se agruparon do seguinte modo: vinculadas ao parto, mortes de presentación súbita, mortes de presentación “non tan súbita”, mortes por procesos de curso crónico e mortes derivadas doutras causas.

En definitiva, o obxectivo do estudo foi o de darlle á vaca morta o valor que ten, en relación coa utilísima información que garda no seu interior e ao mal uso que, en xeral, se está a facer dela. “Esas vacas –insistiu– poden contarnos algo do funcionamento da nosa explotación, do estado sanitario dos animais e de determinadas accións que teñen consecuencias sobre os animais”. Ter acceso a esa información permitiranos non só coñecer a causa exacta da morte, senón, ademais, evitar algunhas futuras mortes nas nosas granxas.

Tres estratexias distintas para a produción de leite

O veterinario de Seragro Rogelio Grille foi o encargado de presentar os voceiros das tres explotacións elixidas nesta edición para que expuxesen as súas distintas estratexias para a produción de leite con frisona, jersey e sistema ProCross.

Abriu a quenda de exposicións Ricardo Gómez Rodríguez, propietario da gandería Outeiro SC (Chantada), que dende hai seis anos traballa coa raza jersey. O motivo de Gómez para dar o paso das frisonas ás jersey foi o descenso continuado dos prezos do leite. Chegado o momento, apostou por traballar con esta raza en pastoreo e coa que di estar a obter maiores beneficios e mellores datos, ao tempo que reduce o seu tempo de traballo: “Puiden mellorar a miña rendibilidade reducindo a cantidade de leite producido”, explicou. O dono de Outeiro SC falou tamén de Airas Mouniz, unha queixería cuxo proxecto xurdiu no ano 2010 e coa que están apostando por transformar eles mesmos o seu leite.

Seguiuno no estrado Santiago García Souto, xuíz nacional de Conafe e dono da Finca La Asunción (Touro). Un dos trazos distintivos desta granxa é a venda de animais, negocio co que comezaron seus pais nos anos setenta e que continúa el a día de hoxe. Ademais, García falou da recente robotización integral que levaron a cabo na explotación entre 2016 e 2017, á que se referiu como “un proxecto moi ilusionante e no que estou poñendo moita enerxía”. Este cambio implicou, entre outras cousas, a instalación de 3 robots, a automatización dos sistemas de alimentación, de alumeado e de ventilación; o aumento de seis horas de traballo máis á semana, e a contratación dun novo traballador.

Por último, Jesús Perfecto Fernández Pérez, dono de gandería de Pazos SCG (Dumbría), falou das vantaxes que notara na súa explotación tras a implantación do sistema de cruzamento ProCross e que resumiu en tres puntos clave: a estabilidade, a eficiencia e a rendibilidade. Entre as principais melloras, sinalou o aumento da fertilidade, a facilidade de manexo no traballo co robot, a redución das patoloxías (destaca o dato da metrite, que pasou de ter unha incidencia do 20 % ao 3%) e a redución no uso de antibióticos. Ademais, Fernández destacou a importancia que segue a ter para eles a vaca frisona: “Non temos que esquecer que a frisona segue sendo a base do meu sistema”.

Como peche desta parte das xornadas, tivo lugar unha mesa redonda na que o público se dirixiu aos tres gandeiros para formularlles cuestións principalmente relacionadas cos retos do paso do sistema frisón ao jersey e ao de cruzamentos, cos cambios no sistema de manexo e coas diferenzas e similitudes que identificaban entre cada caso.

A última relatora da xornada, a química e divulgadora científica Déborah García Bello, dedicou a súa intervención a falar sobre os beneficios dos lácteos, así como sobre o preocupante descenso do seu consumo nos últimos anos a raíz dos falsos mitos e das falacias xurdidas en torno aos mesmos.

Como clausura das XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, e como vén sendo xa tradición, todos os asistentes se reuniron no escenario do auditorio para brindar xuntos con leite polo futuro do sector.