3 de Noviembre de 2016
O salón de actos da Deputación Provincial de Lugo acolleu esta mañá a presentación das nosas XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, na que participaron o presidente e o vicepresidente do organismo provincial, Darío Campos Conde e Álvaro Santos Ramos; a presidenta de Seragro S. Coop. Galega, Noelia García Santoalla, e un dos coordinadores do programa deste ano, Francisco Sesto Pérez.
Noelia García Santoalla deulle comezo ao acto destacando os avances técnicos, as melloras en benestar animal e a eficiencia das granxas galegas, adiantos que, manifestou, “non sempre viñeron acompañados de avances na xestión empresarial”, polo que esta nova edición das Xornadas está encamiñada a potenciar este aspecto tan importante nun sector que continúa en crise debido ao mantemento dos baixos prezos do leite.
Na súa intervención, Francisco Sesto insistiu no enfoque práctico deste foro dirixido esencialmente aos gandeiros. Os temas a tratar tentarán darlles resposta, nas súas palabras “aos problemas que poida haber nas ganderías actualmente”. Para iso, pola Facultade de Veterinaria pasarán profesionais de recoñecido prestixio, tanto galegos coma nacionais e do estranxeiro.
Neste sentido, un dos bloques principais vai ser o de xestión técnico-económica das explotacións, que ocupará toda a tarde da sesión inicial. A primeira conferencia estará impartida polo técnico de Seragro Gonzalo Gómez Grobas, que achegará os datos técnico-económicos globais das explotacións galegas. Seguirao no estrado Stéphane Saille, outro técnico de xestión que desempeña a súa actividade nunha empresa da Bretaña francesa. Para poñer o contrapunto participará o economista Antonio Pallarés, quen, á parte do seu traballo como profesor universitario, asesora unha das granxas máis importantes de España. Despois de expoñer os seus respectivos coñecementos e puntos de vista, os tres formarán parte dunha mesa redonda sobre o tema.
Unha das intervencións máis esperadas vai ser a do doutor veterinario Robert Corbett, asesor de granxas nos EE. UU. e referente del sector a nivel mundial. Cobett falará de dous temas que contribúen en gran medida á rendibilidade das explotacións. Uunha das charlas tratará sobre como facer unha recría eficiente desde o nacemento da xata ata o parto e, a segunda, sobre como abordar o período transición desde o punto de vista da nutrición e do manexo da alimentación.
En materia agrícola, a invitada deste ano é a técnica do Serida Adela Martínez-Fernández, que ofrecerá unha conferencia sobre leguminosas forraxeiras en monocultivo como alternativa ao raigrás como forraxe de inverno para rotar co millo; unha opción a ter en conta debido ás novas esixencias da PAC de destinar un mínimo dun 5 % da superficie ao cultivo de leguminosas ou deixala a barbeito.
O xoves tamén está programado un relatorio sobre podoloxía que desenvolverá o técnico de Seragro Pedro Codesido e na que se poñerá de manifesto a importancia dos datos para buscar as múltiples razóns das patoloxías podais e obter con éxito as correspondentes solucións.
Os gandeiros, protagonistas o venres
A xefa da Área de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural, Marta Muñoz Mendoza, abrirá a mañá esclarecendo a actualidade da tuberculose bovina en Galicia e os retos inmediatos que se formulan para a súa completa erradicación.
Un ano máis, o gandeiros volverán ter protagonismo directo na programación das Xornadas expoñendo as súas realidades.
Por unha banda, Manuel Candamio compartirá co auditorio o cambio de filosofía adoptado na súa granxa nos últimos anos consecuencia do cal conseguiron melloras que desembocaron nun aumento da produtividade.
Por outra, o seu homónimo Manuel Arias, en colaboración con Francisco Sesto, desenvolverá unha charla centrada no uso do cronómetro como instrumento indispensable para manter unha rutina e unha estabilidade na sala de muxido co obxectivo de minimizar a porcentaxe de mamites.
A tarde do venres estará reservada ao debate. A novidade deste ano é que a mesa redonda estará integrada unicamente por gandeiros que transmitirán a súa visión do sector desde dentro, dando conta da problemática en primeira persoa. Participarán Manuel Iglesias (OPL), Román Santalla (UPA), Roberto López (Agromuralla) e José Ángel Purriños (Cooperativa Os Irmandiños). En palabras de Francisco Sesto, trátase de “que o propio sector fale do sector diante do sector”.
Para o remate do encontro está prevista a presentación dunha campaña de promoción do leite como alimento por parte da directora-xerente da Inlac, Águeda García-Agulló.
A presentación das Xornadas –que se celebrarán os días 10 e 11 de novembro– quedou clausurada coa intervención do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, que subliñou que a institución que preside renova ano a ano o seu apoio ás Xornadas: “Estamos cen por cen comprometidos coa actividade agrogandeira e co rural lucense. Consideramos que é preciso poñer en valor a potencialidade que o campo e o gando aínda teñen e, para iso, resultan fundamentais este tipo de encontros nos que se poñerán sobre a mesa cuestións de máximo interese e proveito para todos”.
Así mesmo, o titular provincial indicou que agarda que “este encontro técnico resulte un impulso máis para mellorar a situación dos produtores lácteos de Galicia e de Lugo e que sirva para reivindicar o traballo e o esforzo diario dos nosos gandeiros”.