Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

As XIV Xornadas Técnicas puxeron o foco na importancia da xestión técnico-económica das explotacións

10 de Noviembre de 2016

Unhas mil persoas pasaron hoxe polo auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo para acudir á sesión inaugural das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas pola cooperativa Seragro.

Logo da inauguración do encontro, na que participaron representantes da Deputación e mais do Concello de Lugo, da Facultade e de Seragro, a programación técnica deu comezo coa intervención da investigadora do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento de Asturias (Serida) Adela Martínez-Fernández, que abordou o cultivo de leguminosas forraxeiras adaptadas ás condicións agroclimáticas da cornixa cantábrica en rotación co millo.

A relatora profundou no monocultivo destas especies debido ás novas condicións da PAC para o pago verde (greening), entre as que se atopa a esixencia dun mínimo dun 5 % de superficie de interese ecolóxico cando a extensión supera as 15 hectáreas, característica que cumpren as leguminosas por ser  cultivos fixadores de nitróxeno. Entre as que supoñen unha alternativa ao raigrás italiano están a faba e o guisante forraxeiros.

Da faba, a experta destacou a súa alta produción e achega proteica, que permite reducir a cantidade de concentrado da ración, e a súa adaptación a todo tipo de solos. No caso do guisante, subliñou o seu alto valor nutritivo e o seu bo funcionamento en asociación con cereais forraxeiros como a avea ou o triticale, se ben require terreos ben drenados porque non tolera o encharcamento.

A continuación foi a quenda dun dos relatores máis esperados, a do doutor veterinario Robert Corbett (EE. UU.). A súa charla estivo centrada en como facer unha recría eficiente desde o nacemento da xata ata o parto a través do manexo e da alimentación, atendendo a aspectos como a importancia do calostro, a formulación adecuada dos lactoreemplazantes, a frecuencia e o volume das tomas, o momento ideal da desteta, a composición nutricional dos pensos de arranque, a composición das racións ou o programa de vacinacións.

O obxectivo final dos programas de crecemento acelerado de xovencas dos que falou Corbett non é outro que o de incrementar a rendibilidade global das explotacións a partir da optimización da ganancia de peso e tamaño corporal para lograr idades ao parto máis precoces.

Relevouno no estrado o técnico de Podoloxía de Seragro Pedro Codesido, que falou da importancia de dedicarlle tempo á recollida de información dentro da granxa para descubrir as múltiples razóns das lesións podais e a súa relación con factores como a idade, a produción, a xenética, a lactación, a fertilidade ou a época do ano. Estes datos permitiranlle ao gandeiro valorar con rigor a problemática en cada caso e tomar a decisión máis acertada. A reflexión de Codesido céntrase na prevención, pero non só sobre a pezuña senón a partir do coñecemento dos factores que están creando problemas en cada caso.

A sesión vespertina puxo o foco na xestión técnico-económica das explotacións. O enxeñeiro agrónomo Gonzalo Gómez, responsable desta área dentro de Seragro, abriu o bloque explicando en que consiste esta tarefa de planificación e a súa relevancia de cara a mellorar os resultados económicos das ganderías, especialmente nun momento coma o actual no que é tan necesaria a redución de custos para obter unha certa rendibilidade.

Gonzalo insistiu na importancia de coñecer a fondo os diferentes gastos e ingresos das explotacións para ver cales son os seus puntos fortes e débiles e analizar onde se pode actuar. Entre os puntos débiles das ganderías galegas, Gómez considera a escaseza de terras coma o máis importante.

O seguinte en participar foi Stéphane Saille, outro técnico de xestión que desempeña a súa actividade nunha empresa de servizos da Bretaña francesa á que están asociados 5.500 produtores de leite cun total de 385.000 vacas.

Saille expuxo as principais tendencias do sector nesta rexión gala e repasou os factores clave do seu desenvolvemento. Destacou a boa articulación do sector e as moitas posibilidades que teñen os gandeiros para asesorarse; o dinamismo do tecido económico; o clima propicio para a produción de forraxes; a modernización das granxas e o bo nivel técnico en alimentación, calidade do leite e recría, entre outros.

Así mesmo, fixo referencia a unha serie de indicadores económicos, coma a marxe sobre o custo alimentario, o custo de produción e o prezo de equilibro do leite para conseguir granxas eficientes e coñecer a capacidade real de investimento.

O contrapunto veu da man do economista, profesor e asesor de granxas Antonio Pallarés, que abordou a produción láctea como un negocio que, como tal, debe ter a súa visión estratéxica, económica e empresarial.

O experto fixo fincapé en que “o gandeiro é ante todo un empresario e como tal debe actuar”. A súa principal función é dirixir, actividade que se concreta en tres niveis: planificación, fixación de obxectivos e, en último termo, execución.

Pallarés insistiu en conceptos como a definición de negocio (“o que, o quen e o como”) e as estratexias competitivas, que dividiu en estratexias por liderazgo de custos (produtividade, eficiencia nos procesos, investimentos en tecnoloxía…) e estratexias por diferenciación (consecución de marca propia, avanzar na cadea de valor ata o consumidor final…).

Tamén achegou algunhas claves para afrontar a crise de prezos pero concluíu coa máxima de que “o importante é ter clara a estratexia e os obxectivos”.

Como remate da xornada, os tres expertos integraron unha mesa redonda na que puxeron en común os seus coñecementos, comparando a situación das granxas galegas coas da Bretaña francesa en aspectos como o nivel de intensificación, a automatización de tarefas ou a diferenza de custos de produción a favor das francesas, na que xoga un papel fundamental a escaseza de terras existente en Galicia.