18 de Noviembre de 2013
O 14 e o 15 de novembro celebrouse na Facultade de Veterinaria de Lugo a undécima edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizada por Seragro S. Coop. Galega. Á cita acudiron máis de 700 persoas por día, para as que se confeccionou un programa profesional no que tomaron parte numerosos relatores.
No acto de inauguración, o presidente de Seragro, Rogelio Grille, afirmou que “independentemente do momento do sector, temos que seguir apostando pola produción” e expresou o desexo de “ver algo de luz nese horizonte de aquí a 2020”. Esa é precisamente a filosofía coa que emprenden as Xornadas cada ano.
Grille estivo acompañado polo presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e polo decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina Pernas, ambos os dous representantes de institucións colaboradoras neste evento.
O primeiro relator en intervir foi Diego Martínez del Olmo, director do Departamento de Produto de Núter-Feed, quen explicou como realizar unha correcta monitorización pre e posparto nas granxas con base en nove indicadores.
Seguiuno Gabriel Adin, director do Departamento de Gandería do Ministerio de Agricultura de Israel. Adin ofreceu un par de conferencias: a primeira centrouse no manexo das vacas de alta produción que fan no seu país e a segunda exposición xirou en torno á experiencia igualmente israelita en sistemas de recría de xovencas de substitución.
Outro dos temas abordados foi a podoloxía. O técnico de Seragro Pablo Salgado mostrou os resultados dun estudo efectuado recentemente en 50 explotacións galegas que están nun programa de recorte funcional de pezuños. Pola súa banda, Noureddine Charfeddine, técnico analista de Conafe, repasou algúns dos factores de risco que lle afectan á dermatite, á úlcera de sola e á lesión de liña branca, tres das patoloxías podais máis relevantes.
No programa do xoves tamén entrou Eva Mainau, investigadora do Servizo de Nutrición e Benestar Animal da Universidade Autónoma de Barcelona, para dar a coñecer os protocolos europeos Welfare Quality de avaliación do confort animal en granxa. Mainau presentou ademais un par de casos prácticos de valoración do benestar en relación co repouso e coa mala relación entre o ser humano e o animal.
Ao día seguinte foi Ángel Miranda, responsable do Departamento Técnico da cooperativa Os Irmandiños, o primeiro en falar co público. Enfocou a charla cara á xestión da produción de forraxes mediante a planificación forraxeira e unha contabilidade separada.
Así mesmo, as Xornadas incluíron no seu cartel a Martín López e Noelia Mourazos, veterinarios do Servizo de Calidade do Leite de Seragro que puxeron en valor a importancia do período seco en termos de saúde do ubre.
Entre os moitos protagonistas no estrado atopáronse os gandeiros coruñeses Javier Vázquez García, da SAT Casa Menor (Boimorto), e Jesús Martínez Blanco, da SAT Familia Martínez (Vilasantar). En ambos os dous casos levan as explotacións de xeito diferente pero teñen en común unha visión empresarial que os organizadores quixeron ofrecer como modelo no que fixarse á hora de tomar decisións con responsabilidade.
Francisco José Ónega López, investigador do Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Lugo, baseou o seu relatorio en tres preguntas respecto da dispoñibilidade de terras en Galicia, un tema candente: interesa máis terra ou necesítase máis terra?, hai máis terra?, pódese conseguir máis terra?
As dúbidas sobre as posibilidades de incremento da superficie agraria pasaron da conferencia de Francisco á mesa redonda sobre a actualidade do sector. Moderada polo presidente de Seragro, Rogelio Grille, contou coa participación de Carlos Cabanas, director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Magrama; María do Mar Pérez Fra, profesora de Economía Aplicada na Politécnica de Lugo; Óscar Javier Pose Andrade, secretario de Servizos e Infraestruturas de Unións Agrarias; e o propio Francisco Ónega. No debate saíron cuestións coma por que non está resolta a mobilidade de terras, a incerteza acerca da longa negociación da PAC e dos criterios das axudas e a inestabilidade dos contratos lácteos.
O humor do monologuista Carlos Blanco precedeu ao brinde do leite co que Seragro homenaxea aos produtores e reivindica a súa actividade.