10 de Noviembre de 2017
A recría e as múltiples formas de facela centraron unha parte importante da segunda xornada do encontro, que, de novo, volveu encher o auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
A mañá deu comezo coa intervención de Álvaro García, profesor de Ciencias Leiteiras e dos Alimentos na Universidade Estatal de Dakota do Sur (EE. UU.).
García disertou sobre a mellora da rendibilidade das explotacións a través do manexo alimentario. Repasou o significado de conceptos como a fibra efectiva e a fermentación do rume e incidiu na avaliación do tamaño de partícula para evitar que as vacas seleccionen no comedeiro. A este respecto, profundou na importancia do picado do millo e falou da tecnoloxía Shredlage, a cal, segundo investigacións recentes, mellora a compactación do silo grazas ao mellor procesado do gran (máis parecido ao que sucede na boca da vaca durante a mastigación), proporcionando máis fibra efectiva na dieta dos animais.
O relator tamén deu outras recomendacións de cara a mellorar a saúde ruminal e incrementar a produción de leite e as calidades. Por exemplo, insistiu na importancia de arrimar constantemente a comida no presebe e falou do correcto manexo da fronte do silo para evitar a proliferación de fungos e micotoxinas, así como do mantemento do carro mesturador para asegurar que a mestura final resultante é a mesma que formulou o nutrólogo.
A continuación subiu ao escenario o veterinario do Servizo de Reprodución de Seragro Juan Camilo Gómez Hermida para falar de como a xestión dos datos reprodutivos pode mellorar o rendemento dos establos.
Para aumentar a marxe de beneficio por cada euro investido na explotación, o experto sostén que resulta primordial recoller, informatizar e interpretar os datos, e aí é onde xoga un papel fundamental o técnico de reprodución, xa que nas súas visitas periódicas á granxa, coas correspondentes revisións dos animais ao longo de todo o seu ciclo produtivo, pode almacenar moita información. O técnico valorará o estado actual da explotación, establecerá obxectivos de mellora, implementará medidas correctoras e valorará os resultados para comprobar se as estratexias funcionaron, establecer novos obxectivos e facer previsións de futuro.
Todo isto, asegurou, adquire especial relevancia a medida que as granxas van medrando en número de cabezas, xa que “o manexo dos datos á man pode provocar erros motivados por unha percepción equivocada ou por sensacións que nada teñen que ver coa realidade”. En definitiva, concluíu que “as mellores decisións se toman sempre cos datos na man”.
O presidente do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), Miguel Ángel Riesgo, púxolle fin ao bloque matutino explicando as modificacións que presenta a PAC para o ano que vén e a postura que defende España na revisión que está a facer a Comisión Europea para despois de 2020.
No curto prazo, destacou que “ata 2020 nos atopamos nun momento de estabilidade en canto ao cobro das axudas”, aínda que no Real Decreto para a PAC en 2018 figuran pequenos cambios como a potenciación do apoio aos novos agricultores.
Trasladou que a principios deste ano o Ministerio empezou a traballar no Reglamento Omnibus, que suporá cambios a curto-medio prazo (2018-2019) co obxectivo de simplificar e flexibilizar determinados aspectos da actual PAC, como a modificación da definición de pastos permanentes, o incremento do factor de ponderación dos cultivos nitroxenados que contabilizan como superficies de interese ecolóxico e a posibilidade de duplicar a axuda concedida no marco do réxime de novos agricultores.
En canto á posición española para despois de 2020, destacou que “España é un estado defensor da PAC” e que “deben manterse os pagos directos financiados ao 100 % pola UE para que sexa realmente unha política común”. Non obstante, avanzou que é un futuro “aínda moi nebuloso” e fixou o intervalo 2021-2024 como período para que a nova PAC entre en vigor.
Recría: custo ou oportunidade
A veterinaria Carolina Tejero, que durante anos traballou no Rancho Las Nieves de Zaragoza e que na actualidade exerce como asesora independente, fixo unha exposición das claves para facer unha mellor recría, centrándose nos dous primeiros meses de vida da xata, por ser este o período máis crítico.
Segundo varios estudos, o 23 % das xovencas non chegarán a ter unha xata e o 33 % non rematan a primeira lactación. Con estes datos, a conferenciante asegurou que “somos ineficientes en canto a recría” e compartiu cos asistentes algunhas recomendacións para mellorar esta situación, profundando en aspectos como o manexo do parto, a administración de calostro, a alimentación dos primeiros días, o diagnóstico precoz de enfermidades etc. e insistindo na necesidade de “protocolarizar as rutinas de traballo” neste campo.
A continuación deu comezo unha mesa redonda sobre xestión de recría, titulada “Custo ou oportunidade”, na que, ademais de Carolina Tejero, participaron Francisco Sebastián –veterinario, asesor de granxas e propietario dun centro de recría na comunidade valenciana– e Rogelio Grille –veterinario de Seragro, responsable do centro de recría Ganxabar e xerente de Recría Castro, empresa adxudicataria da xestión do centro de recría da Deputación de Lugo.
Cada un deles foi dando resposta ás preguntas formuladas polo moderador, tales como: Cales son os obxectivos desta etapa? Que protocolos se levan a cabo nos primeiros días? É mellor unha desteta máis temperá ou máis tardía? Cal é o custo medio por xovenca ao parto? En que circunstancias é rendible externalizar a recría? Vale a pena recriar todo?
A xornada rematou co tradicional brinde do leite como forma entrañable de renderlle homenaxe ao sector.