13 de Noviembre de 2015
A segunda parte das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite comezou coa intervención do director xerente da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). Bruno Beade García presentou o sistema Galicia Alimentos Seguros (gmp.Galis), o cal aborda de forma sectorial o control das materias primas que empregan os fabricantes na elaboración de pensos para a alimentación animal, establecendo un vínculo de colaboración con todos os operadores implicados no proceso de maneira eficiente e eficaz.
Con este programa garántese unha maior calidade e seguridade en toda a cadea de alimentación, anticipándose a calquera posibilidade de que entren materias primas non aptas para a alimentación dos animais.
O sistema articúlase en dúas ramas principais. Gmp.Galis-Lab ocúpase da mostraxe de materias primas en portos –o 75 % das materias primas que se utiliza en Galicia procede de terceiros países–, almacéns, fábricas etc.; da súa análise en laboratorios e da distribución on-line dos resultados obtidos. Gmp.Galis-Ser oriéntase á prestación de servizos aos socios, tales como asesoramento en lexislación, trazabilidade e desenvolvemento de proxectos de I+D.
Conxuntamente, o sistema de alarma rápida (SAR) ten como obxectivo describir o protocolo de actuacións que gmp.Galis desenvolve ante unha situación de crise alimentaria, así como a xestión dunha posible retirada de produtos contaminados na cadea alimentaria.
A continuación foi a quenda do enxeñeiro agrícola Iván Álvarez Bajo, socio dunha empresa de intermediación entre vendedores e compradores de materias primas e, polo tanto, gran coñecedor do funcionamento destes mercados.
O relator centrou a súa exposición nos factores que compoñen os prezos dos produtos, que son basicamente tres: os custos de produción, nos que se inclúen os fertilizantes, as sementes, os fitosanitarios, a maquinaria agrícola, o custo de combustible e o custo de adquisición ou arrendamento da terra, entre outros; a relación entre a oferta e a demanda, e a especulación, que é a parte máis difícil de medir e cuantificar.
Álvarez Bajo profundou nos aspectos que inflúen na evolución das cotizacións de produtos coma o millo, o trigo, a cebada e a soia.
Tendo en conta que as materias primas para a alimentación do gando supoñen entre o 65 e o 80 % dos custos totais da explotación, o experto deu algunhas recomendacións para que os gandeiros poidan reducir custos nesta área, xestionando de forma profesional as súas compras na explotación. Por exemplo, suxeriulles realizar compras para varios meses utilizando os mercados de futuros para asegurar un prezo máximo da compra, pero non un prezo mínimo, de tal forma que se o prezo baixa do nivel pactado, o comprador beneficiarase da baixada. Así mesmo, aconsellou eliminar a idea equivocada de que por comprar maior volume se vai comprar mellor, xa que é preferible acertar no momento adecuado de compra que conseguir un desconto do 1 % por comprar máis cantidade. Para concluír, recomendou centrarse no custo de produción da explotación e tomar decisións en función da situación concreta de cada unha.
Pechou o programa de conferencias a médica especialista en endocrinoloxía e nutrición Pilar Matía Martín, a cal salientou, a partir de evidencias científicas constatadas, os beneficios do consumo de leite e os seus derivados por constituír unha fonte importante de nutrientes, á vez que desmontou unha serie de falsas crenzas, como que o seu consumo produce máis mucosidade nas vías respiratorias ou varias correntes de información que o relacionan con algúns tipos de cancro, como o de colon.
A coordinadora do Grupo de Nutrición da Sociedade de Endocrinoloxía, Nutrición e Diabetes da Comunidade de Madrid referiuse a estudos epidemiolóxicos que avalan o consumo de lácteos para a prevención de problemas metabólicos, coma a diabete mellitus tipo 2, e de enfermidades cardiovasculares, como o infarto agudo de miocardio, se ben para pacientes con este tipo de doenzas se recomenda o consumo de lácteos desnatados.
Con respecto ao control do peso corporal, Matía afirmou que “os lácteos non engordan” e dixo que existe unha base teórica para afirmar que as proteínas do leite son máis saciantes, polo que serven como ferramentas para o control do apetito e, desta maneira, contribúen a un descenso do peso. Tamén destacou os seus beneficios para as persoas maiores, polo papel importante da proteína láctea para preservar a masa muscular.
A problemática do mercado lácteo, a debate
Pola tarde desenvolveuse unha mesa redonda sobre a situación actual e as perspectivas de futuro do mercado lácteo. Nela participaron o director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Fernando Miranda; o director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo; o representante da Asociación Española de Distribuidores, Autoservizos e Supermercados (Asedas), Felipe Medina, e o profesor asociado do Departamento de Economía Aplicada na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC, Jorge Antonio Santiso. O debate estivo moderado por Francisco Sineiro, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC.
Despois de que cada parte tivese ocasión de expoñer o seu punto de vista sobre o tema, xerouse un intenso debate no que o público participou activamente coa formulación de preguntas aos representantes, entre as que destacamos as seguintes: por que a Fenil se negou ata agora a negociar coas organizacións de produtores constituídas?, é posible fixar un prezo mínimo de venda?, son compatibles os prezos dalgunhas marcas brancas co establecemento de prezos sostibles incluídos no acordo lácteo?, para que serviu o acordo? e por que desde a Administración se lanzan mensaxes negativas coma a de que hai gandeiros que obteñen beneficios cun prezo de venda de 26 céntimos?
O broche a esta edición das xornadas púxoo o actor e monologuista Quico Cadaval, cuxa brillante actuación lles fixo pasar un anaco agradable aos asistentes antes do tradicional brinde de leite en defensa do sector.