Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

Un bloque temático sobre camas centrou a segunda sesión da 17.ª edición do encontro

15 de Noviembre de 2019

  • Uns 1.500 gandeiros, veterinarios, técnicos e demais profesionais do sector lácteo pasaron entre onte e hoxe pola Facultade de Veterinaria de Lugo para asistir ao foro técnico que organiza cada ano nestas datas a sociedade cooperativa Seragro.

A xornada deu comezo cunha conferencia a cargo do veterinario David García sobre control de insectos, roedoes e aves a fin de evitar a propagación de enfermidades nas granxas e minimizar os riscos de introdución doutras novas. Manifestou que “ aínda queda moito por facer” neste eido e insistiu en que conseguir ter as pragas baixo control é “clave para poder reducir o uso de antibióticos e mellorar a saúde pública”.

Relevouno no estrado a veterinaria do Servizo de Calidade do Leite de Seragro Almudena Tato, que profundou sobre a terapia selectiva de secado, baseada na escolla daquelas vacas que precisan antibiótico fronte ás que non. “A terapia selectiva débese aplicar en explotacións seleccionadas con base na correcta saúde de ubre do rabaño e logo escolleranse as vacas que precisan tratamento e as que non, o que resultará na redución de antibióticos sen variación significativa na saúde de ubre”, explicou.

Despois do café, a enxeñeira agrícola Rebeca Cembranos compartiu cos asistentes a súa experiencia como asesora en nutrición de granxas en Saxonia, onde se atopa o 5 % do total de vacas censadas en Alemaña. A media de vacas nas ganderías desta rexión é de 280, cunha tendencia á alza. “Estas grandes estruturas están obrigadas a investir nun sistema de produción cunha alta rendibilidade, con diminución dos custos fixos e de persoal”, aseverou, polo que alcanzar unha vida vitalicia de 40.000 kg de leite ten unha “xustificación económica e social”, e mantén que “vidas efectivas de máis de 15 kg de leite vaca/día son necesarias para alcanzar a zona de ganancia”.

Acerca do custo da alimentación, citou unhas cifras de 12-14 céntimos/kg de leite e dixo que “a mellora da calidade e o aumento da cantidade de silo de millo e herba son determinantes para a redución dos custos de alimentación e o alcance de altas vidas vitalicias”.

Cembranos deulle paso ao veterinario xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martínez, que definiu como “unha empresa familiar dedicada á produción, transformación e comercialización de derivados lácteos de alta calidade”. Desde a súa fundación en 1968, esta gandería apostou polo pastoreo como base do seu sistema produtivo e o seu leite está certificado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia desde o ano 2004. Ao respecto, cabe destacar que Casa Grande de Xanceda é na actualidade a primeira marca de iogur ecolóxico de España. “O pastoreo define os nosos produtos e sobre el queremos seguir traballando para rendibilizar a produción coa obtención dun leite co mellor perfil en ácidos graxos omega e animoácidos”, afirmou.

AS CAMAS, DERRADEIRO BLOQUE TEMÁTICO

Xa pola tarde tivo lugar un bloque temático que xirou arredor das camas das vacas. O técnico de xestión de Seragro Gonzalo Gómez expuxo as alternativas para o descanso das vacas e os seus custos en Galicia.  En canto a darlle resposta a que material de encamado é mellor, o técnico asegurou que non existe unha resposta única, xa que depende de moitos parámetros e “da importancia que cada gandeiro lle dea a cada un”. En todo caso, o que si deixou claro é que “unha boa cama é aquela na que hai espazo suficiente, está ben dimensionada, seca e limpa, conta con material suficiente, é fácil de manexar e é barata”.

Seguiuno no escenario o seu compañeiro do Servizo de Podoloxía José María García, que puxo en relación o tipo de cama e a saúde podal a partir dunha análise feita con base en datos recompilados por podólogos de Seragro en 131 explotacións que suman máis de 23.000 vacas. Dentro das incidencias rexistradas sinálanse varias patoloxías, algunhas das cales, como a úlcera ou a enfermidade de liña branca, están moi relacionadas co tipo de cama e o manexo do descanso dos animais. “Cada tipo de cama presenta algún punto negativo que, con bo manexo, seremos capaces de superar, sen diminuír a saúde podal nin a produción dos nosos animais”, concluíu.

A continuación, o enxeñeiro agrónomo Adolfo López abordou as consecuencias que a area empregada nos cubículos pode ocasionar a longo prazo na fertilidade das terras de cultivo ao modificar a textura de xeito irreversible e facela máis areosa.

“A opción máis conservadora de manexo –dixo– sería ir distribuíndo a area na máxima superficie posible ao longo dos anos, de xeito que a dose acumulada en cada parcela fose moderada e o prexuízo, pequeno. Se a area se reparte regularmente disponse de bastantes anos antes de acumular unha dose significativa de, polo menos, 500 t/ha, que xa podería ter consecuencias sensibles (máis sensibilidade á seca, menor capacidade de reter nutrientes etc.)”. Non obstante, a idea que lles quixo trasmitir é que “o vertido de area nos solos é unha práctica que se pode facer sen grandes consecuencias se se manexa ben”.

A seguinte intervención correu a cargo do veterinario especialista en calidade do leite Oriol Franquesa, que falou da alternativa de reutilización do esterco como material de encamado e expuxo algúns dos sistemas de manexo e mecánicos dispoñibles para hixienizalo e mantelo nas condicións idóneas co obxectivo de evitar efectos negativos na saúde de ubre dos animais.

Pechou este bloque temático o gandeiro Pedro Ezcurra, socio da gandería navarra Aldapa SCL, na que, desde o ano 2017, empregan a fracción sólida do xurro como material de encamado despois de hixienizala nunha biocélula vertical. Ezcurra compartiu co auditorio os medos iniciais, que deron paso a uns excelentes resultados de confort e de saúde de ubre do seu rabaño.

A alergóloga Beatriz Veleiro puxo punto e final ás XVII Xornadas cun relatorio sobre as alerxias relacionadas co leite que deu paso ao tradicional brinde do leite.