Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

Programa das XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

3 de Octubre de 2017

Presentamos o programa da 15.ª edición das nosas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que se celebrarán os días 9 e 10 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

O primeiro invitado, Jaume Lloveras, enxeñeiro agrónomo de dilatada experiencia, falará sobre a fertilización nitroxenada do millo para mellorar os rendementos produtivos do cultivo.

As outras dúas conferencias previstas para a mañá do xoves poñerán o foco no estrés. Javier Liste, veterinario de Seragro, amosará na súa presentación, que titulou “Amodiño… ó ritmo da vaca”, como interaccionar cos animais e como estes perciben o estrés. Deseguido Arturo Gómez, asesor de explotacións en Asia, África e Europa, falaranos de estrés por calor e calidade do aire nas nosas explotacións.

Tamén o xoves Francisco Sebastián, veterinario e asesor de explotacións no Levante, compartirá a súa experiencia na contratación e formación do cadro de persoal e na organización de tarefas nas granxas.

Tres explotacións de prestixio da nosa comunidade rematarán a primeira xornada cunha posta en común das súas historias, nas que a asociación, xunto co relevo xeracional, marcaron o presente das súas granxas.

Na mañá do venres, o profesor da Universidade Estatal de Dakota do Sur (EE. UU.), Álvaro García, ensinaranos como facer máis rendibles as nosas granxas dende a xestión da alimentación, o maior custo da explotación.

A continuación, o técnico de Seragro Juan Gómez, especialista en reprodución, amosará como os datos extraídos do traballo reprodutivo poden axudarnos a planificar, xestionar e mellorar os rendementos dos establos.

A última hora da mañá, Miguel Ángel Riesgo, presidente do FEGA, explicará as modificacións que presenta a PAC 2018 e a postura que defende España na revisión que está a facer a Comisión Europea; así mesmo responderá todas as dúbidas que puideran xurdir.

Rogelio Grille, veterinario de Seragro e  xerente do centro de recría Ganxabar; Carolina Tejero, durante anos responsable técnica do Rancho Las Nieves de Zaragoza, o maior centro de recría de España, e Francisco Sebastián debaterán nunha mesa redonda, aberta ás preguntas do público, sobre cal é o mellor xeito de sacar adiante as futuras produtoras das nosas granxas. Cada un achegará a súa experiencia, non sempre coincidente.

Coma sempre, a asistencia é libre e gratuíta e non se require inscrición previa, polo que o rexistro e a entrega de material se realizarán in situ os propios días do evento.

Programa