Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

Programa das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

28 de Septiembre de 2016

Os días 10 e 11 de novembro, os profesionais do sector lácteo teñen unha cita na Facultade de Veterinaria de Lugo, onde se celebrará unha nova edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro.

Un dos bloques principais do programa deste ano vai ser o de xestión técnico-económica das explotacións. Para profundar no tema participarán os expertos Stéphane Saille (Francia), Antonio Pallarés e Gonzalo Gómez, os cales, despois de desenvolver os seus respectivos relatorios, tratarán o asunto nunha mesa redonda moderada polo veterinario de Seragro Rogelio Grille.

As xornadas tamén incluirán varias exposicións relacionadas co ámbito do manexo. Dúas delas correrán a cargo do veterinario norteamericano Robert Corbett, que falará do manexo da recría desde o nacemento ata o parto e, o segundo día, sobre a importancia deste no período de transición. A terceira versará sobre podoloxía e será impartida polo técnico de Seragro Pedro Codesido.

Noutro dos relatorios que se incorporan no programa abórdase o uso do cronómetro como ferramenta de traballo na rutina de muxido. Terá dous protagonistas, o veterinario de Seragro Francisco Sesto e o gandeiro Manuel Arias, da SAT Seixas de Taboada.

Non obstante, Arias non vai ser o único produtor que participe como relator no encontro; o público tamén terá a oportunidade de coñecer a experiencia profesional de Manuel Candamio, cuxa charla estará centrada nas claves de crecemento da súa gandería.

Ademais, na tarde do venres celebrarase outra mesa redonda integrada por gandeiros que debaterán, desde dentro, sobre como eles ven o sector leiteiro. Participarán Manuel Iglesias (OPL), Román Santalla (UPA), Roberto López (Agromuralla) e José Ángel Purriños (Cooperativa Os Irmandiños).

Completan a programación deste ano a conferencia da técnica do Serida Adela Martínez-Fernández sobre leguminosas forraxeiras adaptadas ás condicións agroclimáticas da cornixa cantábrica e a da xefa da Área de Sanidade Animal da Xunta de Galicia, Marta Muñoz Mendoza, sobre a situación actual e os retos inmediatos da erradicación da tuberculose bovina en Galicia.

Coma sempre, a asistencia é libre e gratuíta e non se require inscrición previa, polo que o rexistro e a entrega de material se realizarán in situ os propios días do evento.