4 de Noviembre de 2015
O salón de actos da Deputación Provincial de Lugo acolleu esta mañá a presentación das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, na que participaron o presidente do ente provincial, Darío Campos Conde; a presidenta de Seragro S. Coop. Galega, Noelia García Santoalla, e un dos coordinadores do programa deste ano, Martín López López.
Ante a complicada situación do sector, con déficits estruturais como a base territorial ou o endebedamento, a temática desta edición está directamente relacionada co día a día das granxas de vacún leiteiro, facendo especial fincapé en todo o referente á alimentación.
O programa de conferencias, que se engloba baixo o lema Nas nosas mans, dará comezo o vindeiro xoves coa charla do enxeñeiro agrónomo Sébastien Ferran sobre os criterios a considerar para a correcta implantación, fertilización e mantemento de pradeiras.
O seguinte relatorio centrarase na xestión dos recursos humanos da explotación. O veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro, Víctor Manrique Arroyo, exporá os resultados dun traballo de campo no que se abordou a situación da man de obra das explotacións galegas co obxectivo de mellorar as relacións laborais entre empregador e empregado como clave do futuro da granxa.
A continuación, o auditorio da Facultade de Veterinaria volverá recibir, por segundo ano consecutivo, a Albert Porte Laborde, un dos maiores expertos a nivel mundial no cultivo de millo. O enxeñeiro francés profundará, nesta ocasión, nas claves do cultivo de millo en Galicia, atendendo ás especificidades dos solos e do clima, así como ás pragas que máis o afectan.
O coordinador do Departamento Técnico de Conafe, José Antonio Jiménez Montero, iniciará a sesión vespertina dando a coñecer os cambios que experimentou o ICO español e valorará o emprego dos índices de selección na actual era xenómica.
A tarde do xoves está reservada á intervención de tres gandeiras galegas que presentarán o día a día das súas explotacións para mostrar as múltiples realidades da gandería de leite en Galicia. Porén, tamén poñerán de manifesto como estas diferenzas conflúen, en cambio, na consecución de obxectivos comúns.
Programación para o venres
O director xerente da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), Bruno Beade, abrirá a segunda xornada cun relatorio sobre o sistema Galicia Alimentos Seguros (gmp.Galis), que aborda de forma sectorial o control das materias primas que se utilizan para a alimentación animal.
Relevarao no estrado o enxeñeiro agrícola Iván Álvarez Rajo, que achegará unha visión do mercado das materias primas para alimentación animal. O relator profundará nos factores que ocasionan a volatilidade dos prezos, tratando de orientar o gandeiro nas posibilidades para reducir custos nesta parcela.
A última charla da mañá correrá a cargo da médica e coordinadora do Grupo de Nutrición da Sociedade de Endocrinoloxía, Nutrición e Diabetes da Comunidade de Madrid, Pilar Matía, a cal poñerá de manifesto os beneficios do consumo de leite e os seus derivados, á vez que analizará as tendencias de consumo en España e noutros países da contorna.
Pola tarde desenvolverase unha mesa redonda sobre a situación actual e as perspectivas de futuro do mercado lácteo. Nela participarán o director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Fernando Miranda; o director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo; o director xeral da Asociación Española de Distribuidores, Autoservizos e Supermercados (Asedas), Ignacio G. Magarzo, e o profesor asociado do Departamento de Economía Aplicada na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC, Jorge Antonio Santiso. O debate estará moderado por Francisco Sineiro, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC.
Na súa intervención, a presidenta de Seragro S. Coop. Galega fixo referencia ao “presente sen cotas marcado pola volatilidade e o descenso dos prezos do leite”, situación pola cal decidiron enfocar os contidos das décimo terceiras Xornadas “a axudarlle ao gandeiro a reducir os seus custos na súa explotación, ademais de proporcionarlle información útil para tomar decisións a longo prazo”.
O acto quedou clausurado coa intervención do presidente da Deputación, que destacou que “o prezo do leite é o maior problema que hoxe ten o sector, non só na provincia senón en todo o país” e apostou por que “as administracións públicas, tanto a central como a autonómica, tomen medidas e colaboren para relanzar este sector”.