Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

Os retos da produción láctea despois da eliminación das cotas pechan as XII Xornadas

14 de Noviembre de 2014

A segunda parte das XII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite comezou coa intervención do enxeñeiro agrónomo Antonio Callejo Ramos, que expuxo os criterios fundamentais que se han ter en conta á hora de deseñar unha instalación para vacún de leite atendendo a criterios de benestar (descanso, alimentación, ventilación…), así coma o papel que a tecnoloxía pode e debe ter na adecuada xestión dunha granxa leiteira, sobre todo neste momento no que a tendencia é ter rabaños cada vez máis grandes e no que a observación permanente do gandeiro a cada animal se fai máis complexa.

A continuación foi a quenda do doutor en Veterinaria Alejandro Fernández Fernández, que departiu sobre a selección xenómica desde a perspectiva máis práctica para o gandeiro. Fernández comezou recordándolle ao auditorio que “o valor xenético real dos animais é descoñecido” e que a selección xenómica consiste na súa predición utilizando a información de miles de xenotipos.

O doutor en Veterinaria referiuse a ela como “a ferramenta de maior impacto sobre a eficiencia da selección animal desenvolvida nas últimas décadas”, xa que a fiabilidade das avaliacións xenéticas aumenta considerablemente naqueles animais que aínda non dispoñen de proba de proxenie, permitindo acurtar os tempos na mellora xenética dos rabaños.

O impacto da selección xenómica nas explotacións materialízase no progreso xenético dos rabaños ao empregar mellores touros, así coma no incremento do mercado de vacas que poidan converterse en posibles nais de sementais. Outros beneficios son que permite detectar animais elite dentro da granxa  nun menor tempo e permite realizar acoplamentos dirixidos desde a primeira cubrición, co cal se mellora a xestión da consanguinidade.

Posteriormente volveu intervir o mexicano Juan Quezada para falar, nesta ocasión, dos protocolos de traballo que seguen en Milk Source (Wisconsin, EE. UU.), unha empresa leiteira con máis de 28.000 vacas de produción repartidas en cinco establos, onde el desempeña o cargo de director de Seguridade, Recrutamento e Adestramento dos empregados, case 500.

Quezada incidiu na importancia da preparación e do adestramento constante dos traballadores e na necesidade de que as rutinas de traballo (muxido, alimentación, podoloxía…) estean protocolarizadas, xa que é a forma de asegurar unha constancia e un cumprimento na execución das accións. Entre as rutinas que seguen en Milk Source destacou a importancia da primeira toma do calostro, que lles subministran aos acabados de nacer mediante unha sonda para asegurarse de que inxiren a cantidade suficiente, así como a prohibición de berralles, asubiarlles e, por suposto, pegarlles aos animais.

Os seguintes protagonistas no estrado do auditorio da Facultade de Veterinaria foron o holandés Rick Hoksbergen e o irlandés Tom Dunne, ambos pertencentes a European Dairy Farmers (EDF). Esta asociación europea de gandeiros de vacún de leite, fundada en 1989 e integrada por uns 400 membros, ten como obxectivo compartir o presente para mellorar o futuro a través do intercambio de experiencias e de coñecementos de forma directa, de gandeiro a gandeiro.

O acontecemento máis importante da asociación é o seu congreso anual, onde se expoñen datos económicos co obxectivo de comparar custos entre países e se celebran conferencias, grupos de traballos e visitas a ganderías. O coñecemento global que se xera axuda o gandeiro a ter unha visión máis aló da súa propia explotación e do seu país, para así crear unha percepción conxunta de futuro e deseñar a estratexia a seguir na súa propia granxa.

O futuro sen cotas

A última intervención enlazou directamente co lema das Xornadas deste ano, “Unha ollada cara ao futuro”, posto que xirou arredor da produción de leite en Galicia nunha Europa sen cotas. O encargado de expoñer este tema foi o enxeñeiro agrónomo e profesor de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Escola Politécnica Superior de Lugo Francisco Sineiro.

O profesor manifestou que os efectos da eliminación das cotas son incertos porque dependen de como evolucione o consumo de produtos lácteos no mundo, da capacidade doutros países exportadores e dos prezos dos principais factores de produción, coma os pensos; non obstante, decántase pola teoría de que probablemente ocasionarán unha maior volatilidade no mercado do leite e unha posible redución no prezo.

Desde a perspectiva de Galicia, a oportunidade de aumentar a produción que trae consigo a eliminación das cotas asegura que vai depender de como se resolvan tres asuntos de especial relevancia; en primeiro lugar, a mellora da competitividade na produción de leite, que deberá estar ligada a unha maior autonomía na produción de forraxes, para o que se precisa dispoñer de máis terras; en segundo lugar, a capacidade da industria para xestionar, procesar e colocar no mercado estes aumentos de produción e, en terceiro lugar, dependerá do establecemento dunha maior estabilidade nas relacións entre os produtores de leite, as industrias e a distribución alimentaria para limitar os efectos desa variabilidade nos prezos.

Un ano máis, o foro quedou clausurado co tradicional brinde do leite en defensa do sector.