11 de Noviembre de 2016
A xefa da Área de Sanidade Animal da Xunta de Galicia, Marta Muñoz Mendoza, deu comezo á segunda sesión das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite explicando o funcionamento do programa nacional de erradicación da tuberculose bovina, as probas diagnósticas que se levan a cabo e as súas limitacións, así como a situación actual desta enfermidade en Galicia, á que se referiu como “próxima á erradicación”, e os retos inmediatos que se presentan para falar dela en pasado.
A representante pública insistiu na importancia do papel dos gandeiros na prevención da enfermidade evitando a entrada de reses nas explotacións, apostando pola recría propia e colaborando cos servicios veterinarios oficiais cando hai focos de tuberculose. Muñoz enumerou algunhas das vantaxes da erradicación da enfermidade, como a diminución da presión diagnóstica sobre os gandeiros e o avance crucial que suporía tanto para a saúde pública como para a saúde animal.
A continuación volveu ao estrado o experto norteamericano en nutrición e recría Robert Corbett, hoxe para falar de como a alimentación e o manexo poden evitar que as vacas enfermen no período de transición.
O analista profundou en como minimizar os riscos desta etapa crítica cuxo éxito ou fracaso vai determinar a produtividade global da seguinte lactación. Así mesmo, repasou as principais enfermedades do período de transición, tales como a hipocalcemia e a cetose, e os seus efectos sobre a inmunosupresión.
Entre as recomendacións de manexo das vacas secas e de preparto, subliñou a importancia de maximizar o consumo de materia seca con forraxes de alta calidade, provendo niveis adecuados de enerxía e proteína. Tamén alertou sobre os perigos da sobrepoboación nos lotes de animais de transición, insistindo en non superar o 80 % do espazo dispoñible no comedeiro e na conveniencia de separar as xovencas das multíparas co obxectivo de minimizar o estrés, que lle afecta moi negativamente á inmunidade da vaca.
Corbett concluíu recordándolle ao auditorio que minimizar o efecto da inmunosupresión é clave para previr a mastite da seguinte lactación.
A seguinte exposición tivo como protagonista ao gandeiro coruñés Manuel Candamio, que subiu ao escenario para compartir cos compañeiros unha serie de cambios adoptados na súa granxa nos cinco últimos anos que lle permitiron mellorar as cifras globais de produtividade reducindo o número de vacas en muxidura e case duplicando a produción.
Candamio foi enumerando as accións de mellora tomadas nas áreas de alimentación, confort, recría e manexo e os resultados conseguidos. Por exemplo, explicou as melloras nos procesos de recolección de forraxes e ensilados, nos cubículos dos animais, nos criterios de inseminación das xovencas ou os cambios na rutina de muxido. A súa reflexión final resúmese así: “Se temos as vacas cómodas, as tratamos ben, lles damos de comer e ao seu alcance, elas van responder positivamente dando máis leite”.
A última charla da mañá centrouse no uso do cronómetro como ferramenta de traballo na sala de muxido. O tema foi desenvolvido polo gandeiro lucense Manuel Arias (SAT Seixas) e o veterinario de Seragro Francisco Sesto.
Na SAT Seixas introduciron o terceiro muxido a finais de 2011 para aumentar a produtividade, pero atopáronse con que o muxido era moi lento, a condición dos esfínteres dos tetos era mala e víanse obrigados a botar man da oxitocina para conseguir un muxido rápido, completo e ininterrompido.
Despois de probar con varias estratexias par mellorar esta situación, a principios de 2015 decidiron protocolarizar o muxido mediante o cronómetro. Buscaban un muxido tranquilo, sosegado, sen présas pero sen pausas, obxectivos que lograron con este sistema.
Entre as vantaxes do uso do cronómetro citaron a normalización das distintas velocidades da rutina de traballo na sala, a mellora da concentración do persoal encargado desta tarefa, a constancia e a eficiencia en todos os muxidos os 365 días do ano, a tranquilidade das vacas durante o muxido e, sobre todo, a mellora da calidade de traballo, acurtándose o tempo total de muxido en dúas horas en cada turno. A nivel de mamite, os resultados son evidentes, pasando de 77 casos en 2013 a 7 en 2016.
O sector visto polos gandeiros
O debate centrou a sesión vespertina. A mesa estivo integrada por catro produtores que, á súa vez, pertencen ao mundo cooperativo, sindical e do asociacionismo: Manuel Iglesias (OPL), Román Santalla (UPA), Roberto López (Agromuralla) e José Ángel Purriños (Cooperativa Os Irmandiños).
Na palestra tratáronse temas como a necesidade de crear estruturas fortes con poder real de negociación no mercado, o papel das organizacións de produtores, a posibilidade de que sexan os gandeiros os que comercialicen directamente os seus produtos, a falta de financiamento das cooperativas para a industrialización do leite, a conveniencia de traballar nunha estratexia colectiva como gandeiros e como sector, o mercado internacional como espazo de grandes oportunidades ou papel de debe xogar a Inlac na nova realidade do sector.
O encontro rematou coa presentación da estratexia de comunicación e de promoción da Inlac, que supón o 56 % do seu orzamento. Águeda García-Agulló manifestou que o obxectivo da organización que dirixe é promocionar o leite e os produtos lácteos de orixe nacional poñendo en valor a súa importancia nutricional e, ademais, falando dun sector lácteo sostible. Para conseguilo, afirmou que a interprofesional láctea ten en marcha diferentes liñas de traballo.
Por unha parte destacou o plan de comunicación de Inlac, que inclúe a valorización dos produtos e do sector. Tamén citou o proxecto de promoción de lácteos nas escolas e outro que teñen cofinanciado co Ministerio de tres lácteos ao día. Finalmente, referiuse ao proxecto europeo que se vai iniciar agora e que pon en relación os lácteos co estilo de vida saudable.
Nos últimos cinco anos, segundo declarou, o consumo de leite baixou un 4 % e o de produtos lácteos un 1 %. Polo tanto, a finalidade é aumentar o consumo, xa que a medida que este se incremente mellorará a situación para todos os operadores do sector.