Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

O arrinque das Xornadas xuntou 800 persoas en Lugo

13 de Noviembre de 2014

A primeira quenda de conferencias das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, desenvolvida ao longo do día, conseguiu encher o auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo; mesmo houbo algúns momentos nos que a súa  capacidade se quedou pequena para o número de asistentes.

No acto de apertura, a recentemente nomeada presidenta de Seragro S. Coop. Galega, Noelia García Santoalla, quixo recoñecer publicamente a colaboración de cada unha das persoas e institucións que contribúen a que as Xornadas sexan unha realidade. Deste xeito, deulles as grazas á Deputación de Lugo, á Facultade de Veterinaria, aos Africores provinciais, aos anunciantes, aos relatores e, especialmente, aos gandeiros que cada ano preparan a súa conferencia e a comparten co auditorio, xa que ese propósito, o de compartir información, é o obxectivo final das Xornadas.

García Santoalla estivo acompañada do presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e polo decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina Pernas.

Santamarina, ademais de darlle “a benvida e a noraboa” á nova presidenta, remarcou o labor de xuntanza das Xornadas de Seragro e apelou á importancia da “transferencia de coñecementos” entre veterinarios e gandeiros.

“Os comezos sempre son difíciles pero son moi interesantes”. Con esta afirmación, a modo de benvida para García Santoalla, iniciou Gómez Besteiro a súa intervención. O presidente da Deputación referiuse ao momento tenso que se está vivindo actualmente no sector, cos prezos do leite de novo por debaixo da media, e aos novos retos de futuro que se presentan coa desaparición das cotas: “Imos vivir en carne propia a globalidade do noso sector. Imos ter desafíos difíciles, pero saberemos afrontalos con profesionalidade e, ao final, adaptarémomos”.

Besteiro tamén fixo fincapé na importancia de “vivir no rural e do rural”, loitando para que por fin se superen as diferenzas entre zonas urbanas e rurais. Nesta liña de facer fortes os sectores primarios referiuse á grande importancia deste encontro, xa que cada ano son moitos os gandeiros que esperan “expectantes pola achega de novidades e pola profesionalidade destas Xornadas”.

Logo do acto institucional, o primeiro relator en intervir foi o veterinario Luís Díaz, pertencente ao Servizo de Reprodución de Seragro, que centrou a súa charla na fertilidade e en como optimizar o manexo reprodutivo do rabaño para conseguir preñeces. Díaz falou dos índices actuais de reprodución (taxa de preñez, taxa de detección de celos, taxa de fertilidade…), que se basean no concepto tempo, é dicir, que se deben saber as preñeces necesarias que hai que conseguir por período de tempo para saber se estamos conseguindo os nosos obxectivos e se o manexo reprodutivo é o correcto.

O relator referiuse a dous grandes períodos reprodutivos. No primeiro, que abrangue dende o parto ata os 90 días en leite, o obxectivo é preñar o 45 % das vacas e no segundo, que vai desde os 90 ata os 300 días en leite, o 55 % restante. Así mesmo, dixo que o obxectivo de toda granxa debería ser conseguir unha taxa de preñez do 20 % en 21 días desde o inicio dos celos. Non obstante, cando non se consegue este obxectivo, o primeiro factor no que hai que intervir é a taxa de detección de celos, xa que o manexo reprodutivo baséase en aumentar o número de oportunidades para conseguir preñeces. Neste sentido referiuse aos protocolos de sincronización como axuda para conseguir os obxectivos.

Díaz concluíu cunha idea clara: a porcentaxe de preñeces por días en leite é a que determina que se consiga máis leite e máis rápido no tanque.

A seguinte charla correu a cargo do enxeñeiro agrónomo Albert Porte Laborde, que é asesor especialista e formador no manexo para o cultivo de millo. O experto francés comezou falando do traballo de sementeira coma un momento fundamental do proceso, xa que da súa calidade depende o resultado final, e referiuse a conceptos de sumo interese coma a densidade e a velocidade de sementeira.

Por outra banda, abordou varias claves relacionadas coa fertilidade do chan e como loitar contra as malas herbas.

Porte Laborde tamén falou da novas técnicas de cultivo sen labranza. Incidiu en que o millo soporta moi mal os solos compactados e que as técnicas simplificadas (nas que non hai un volteo previo da terra) poden ser válidas, pero que é preciso coñecer moi ben o terreo.

O asesor francés fixou como obxectivo no cultivo de millo a obtención de colleitas cun 30-35 % de MS, para o que é importante conseguir un cultivo homoxéneo para prever con máis precisión a data de corte e mais o tamaño do picado.

“Mi trabajo es la gente, la gente, la gente”. Así comezou a súa primeira intervención neste encontro Juan Quezada Jiménez, director de Seguridade, Recrutamento e Adestramento en Milk Source (Wisconsin, EE. UU.). Este americano de procedencia mexicana encárgase de todo o relacionado cos empregados en Milk Source –case 500–, un proxecto que supera as 28.000 vacas de produción repartidos en 5 establos localizados en varios estados do país. Quezada asegurou que o segredo de Milk Source, -que este ano obtivo o premio á granxa innovadora outorgado pola International Dairy Foods Asociation- é a xente, xa que é esta a que fai o lugar e non ao revés. Neste sentido, incidiu na importancia da cultura da granxa e asegurou que na súa empresa non buscan empregados con moitos títulos académicos, senón con valores humanos; non buscan a aptitude, senón a actitude, os trazos valiosos que debe ter o traballador, ademais da importancia do traballo en equipo e da visión da empresa.

Juan Quezada tamén se encarga de todos os protocolos de seguridade (coa maquinaria, na sala de muxido, electricidade…) e dos plans de formación continua dos empregados.

Segundo explicou o relator, en Milk Source retan cada día aos seus empregados a que dean o mellor de si mesmos para que, desa maneira, poidan ser mellores traballadores e mellores persoas.

A sesión vespertina

O gandeiro José Eladio Lavandeira, da SAT Finca A Xesteira de Zas (A Coruña), abriu a quenda de relatorios da tarde cunha charla sobre manexo da reposición e avaliación de custos asociados. Lavandeira expuxo os aspectos máis relevantes (alimentación, manexo, identificación…) das etapas de cría e recría dentro da súa explotación, e fixo unha análise pormenorizada dos custos económicos de cada unha, destacando a grande importancia que lle dan ao encalostrado e ao vital que resulta subministrarlles aos acabados de nacer dous litros de calostro antes das dúas horas de vida.

Este gandeiro coruñés tamén comentou que, se a reposición é máis alta que a eliminación e non se ten previsto crecer, el sempre é partidario de vender vacas no canto de xovencas, xa que así a selección e a calidade xenética do rabaño serán mellores e, por tanto, a produción será maior.

A última charla do día correu a cargo de representantes de tres ganderías galegas, que achegaron as súas respectivas experiencias acerca do terceiro muxido.

O primeiro en intervir foi Fernando Fernández Martínez, da gandería familiar Chousa Nova, que foi claro na súa exposición afirmando que “o aumento de leite do terceiro muxido non o fan as vacas, senón o traballo do gandeiro”.

Por outra banda, Antonio Morado Yáñez, da Gandería Morado, explicou que na súa explotación –na que se combina o traballo dos propietarios e de tres empregados– comezaron a realizar o terceiro muxido co obxectivo de conseguir máis rendibilidade co mesmo número de vacas, de terreos e de instalacións, unha finalidade, polo de agora, superada, se ben aínda esperan aumentar a súa media (11.245 kg/vaca/ano en 2013 nun rabaño de 141 vacas en muxidura) coa obtención de forraxes de maior calidade, mellora xenética, ampliación das instalacións das xovencas para favorecer o seu crecemento e reducindo o estrés por calor.

Finalmente, Juan José Freire Quintáns, da Granxa O Cancelo, comentou que, no seu caso, a decisión de muxir tres veces ao día se apoiou na rendibilidade que lle supoñían a esta práctica e que xa comprobaron que é real –pasaron dunha media de produción de 37 a 41 litros–, e centrouse nas melloras que queren facer na súa explotación –na que só traballan empregados– para ser cada vez máis eficientes, tales coma melloras na sala de muxir para reducir tempos de espera, facer dous carros de comida ao día para mellorar a inxestión ou mellorar a ventilación e a luminosidade do establo.

A xornada rematou coa presentación da ampla gama de máquinas Trioliet-Triomatic, especialistas na distribución e a mestura de forraxes, a corgo da empresa Ausama.