Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

O arrinque das XIII Xornadas Técnicas encheu de novo o auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo

12 de Octubre de 2015

A primeira quenda de conferencias das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, desenvolvida ao longo do día, xuntou en Lugo unhas 800 persoas que completaron, un ano máis, a capacidade do auditorio da Facultade de Veterinaria.

Na inauguración do foro, a presidenta de Seragro S. Coop. Galega, Noelia García Santoalla, referiuse ás mobilizacións en defensa do sector lácteo desenvolvidas nos últimos meses en diferentes países europeos, destacando a forza das que tiveron lugar na nosa comunidade. A presidenta remarcou o “esforzo” feito polos gandeiros galegos nos últimos anos na “modernización das súas instalacións”, pero recoñeceu a necesidade de abordar o futuro coa creación de “movementos asociativos” que sirvan para concentrar a oferta e ser máis fortes de cara á negociación coa industria.

García Santoalla estivo acompañada pola vicedecana da Facultade de Veterinaria, Marta Miranda, e polo deputado delegado de Medio Rural, Lino Rodríguez, o cal afirmou que o sector está “peor que nunca”, pero que esta situación se pode cambiar “con esforzo, con vontade e coa unión de todos os profesionais, sindicatos e administracións con competencias no sector”, e rematou dicindo que “se en Francia se pode, ¿por que aquí non?”.

Logo do acto institucional deu comezo o programa de relatorios coa intervención do enxeñeiro agrónomo francés Sébastien Ferran, que impartiu unha exposición sobre os criterios a considerar para a correcta implantación, fertilización e mantemento de  pradeiras, con especial atención á loita contra as pragas.

Ferran repasou as condicións para obter unas forraxes de calidade, tales como que a taxa de materia seca no momento do corte estea entre o 25 e o 30 % e a importancia de facer un picado fino. Así mesmo, fixo fincapé na importancia de elixir especies adaptadas ao solo no que se vai sementar a pradeira para conseguir os resultados agardados, sobre todo nunha situación coma a actual, que obriga a buscar solucións de alimentación máis económicas aproveitando o potencial da superficie agrícola para conseguir unhas forraxes de calidade que permitan reducir gastos e mellorar a marxe bruta das fincas.

A seguinte charla centrouse na xestión da man de obra externa da explotación. O veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro, Víctor Manrique Arroyo, expuxo os resultados dun traballo de campo realizado en granxas galegas, analizando parámetros como a formación, a experiencia previa no sector e o grao de satisfacción dos traballadores, co obxectivo de mellorar as relacións laborais entre empregador e empregado para optimizar o bo funcionamento da granxa. Dalgúns resultados dese estudo despréndese que o soldo medio dos empregados varía entre os 700 e os 900 euros, a xornada laboral está entre as 8 e as 10 horas, teñen un día de descanso semanal e 18 días de vacacións ao ano.

Manrique centrou unha parte da súa intervención nos factores que inflúen na motivación dos empregados, entre eles a autoestima e a autorrealización. O relator invitou aos gandeiros a preguntarse que queren, que necesitan e que ofrecen á hora de facer unha contratación, e concluíu a súa charla afirmando que “o factor humano é o factor diferencial que vai facer que a explotación teña uns bos resultados ou non”.

A continuación foi a quenda de Albert Porte Laborde, un dos maiores expertos a nivel mundial no cultivo de millo. O enxeñeiro francés, que repetiu por segundo ano consecutivo nas xornadas, estivo en Galicia a principios de xullo para coñecer as características das parcelas de millo en diferentes zonas da Coruña e Lugo, destacando a calidade da terra para este cultivo e o seu fácil manexo.

Porte profundou nos métodos de loita contra as pragas –centrándose no verme do millo e na rosquilla por ser as que máis lle afectan aquí a este cultivo–, nas pautas de laboreo e na fertilización deste cereal, cuxa utilización como forraxe é prioritaria para a maioría das granxas galegas na actualidade.

Porte fixo fincapé na importancia capital da sementeira para o establecemento e desenvolvemento das plántulas e na preparación das terras como parte vital no manexo de pragas e enfermidades. Tamén insistiu na importancia de coñecer as características fisicoquímicas dos solos para establecer correctamente as necesidades de fertilización, de cara a corrixir as deficiencias nutricionais.

A sesión vespertina

O coordinador do Departamento Técnico de Conafe, José Antonio Jiménez Montero, iniciou a sesión vespertina cunha charla sobre os índices de selección e a evolución dos programas de mellora xenética, que teñen como obxectivo mellorar a rendibilidade das explotacións a partir da selección dos animais máis eficientes de acordo ás condicións actuais do mercado.

Segundo o relator, á hora de definir un índice de selección búscase aquel o máis próximo posible ao que nos definiría a rendibilidade real dos animais, pero incluíndo outros caracteres relacionados, como os de tipo, que non teñen unha influencia directa na rendibilidade pero si están relacionados coa vida produtiva a risco de presentar diferentes problemas que a limiten e que xeren custos extras para o seu control.

Jiménez deu a coñecer os cambios que experimentou o ICO español nos últimos anos e abordou o valor dos caracteres de produción, de tipo e funcionais que o forman na actualidade. Así mesmo, valorou o emprego dos índices de selección na actual era xenómica, na que o progreso xenético vai moito máis rápido, o que fai preciso ter máis control sobre os índices de selección tendo claro cales son os obxectivos de mellora en cada explotación.

A primeira sesión rematou coa intervención de tres gandeiras galegas que achegaron as súas experiencias diarias no manexo das súas respectivas explotacións co obxectivo de mostrar as múltiples realidades da gandería de leite en Galicia, derivadas dos distintos tipos de manexo, instalacións, base territorial, man de obra etc. Porén, tamén puxeron de manifesto como estas diferenzas conflúen, en cambio, na consecución dun obxectivo común, que non é outro que o de optimizar os recursos dispoñibles para obter a máxima rendibilidade.

A primeira en intervir foi Merchy González Lobagueira, propietaria da Gandeiría San Rian SCG de Brión. A continuación compartiu a realidade da súa granxa Begoña Paredes Cardoso, en representación da explotación Rodríguez Paredes SC de Trazo. Finalmente, Pilar Barreiro Lodeiros explicou como é o día a día da súa de Arzúa.

A xornada rematou cun ágape por xentileza de Seragro durante o cal os asistentes tiveron a ocasión de seguir compartindo experiencias e información, ademais de desfrutar dun breve tempo de lecer.

O programa do venres

Na xornada de mañá trataranse temas como o control da seguridade alimentaria en alimentación animal, o mercado das materias primas e os beneficios do consumo de lácteos. Ademais, desenvolverase unha mesa redonda sobre a situación actual e as perspectivas de futuro do mercado lácteo. Esta edición quedará clausurada ás 18.30 horas co tradicional brinde de leite.