9 de Noviembre de 2017
As nosas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite reuniron hoxe a máis de mil persoas no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
A presidenta de Seragro, Noelia García Santoalla, repasou no acto de inauguración desta décimo quinta edición –no que estivo acompañada polo presidente da Deputación, Darío Campos; o concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, e a representante da Facultade, Marta Miranda– os motivos polos que se comezaron a facer estes encontros e polos que seguen tendo lugar. Unhas xornadas que naceron, segundo dixo, como “un evento de formación práctica e novidosa, aplicable en granxa e que fose, ao mesmo tempo, unha experiencia de intercambio entre gandeiros”.
Santoalla remarcou que este décimo quinto ano é unha cifra para lembrar e que “todos e cada un dos asistentes o fan posible, sendo imprescindibles para volver a ter a edición dezaseis”. O acto de apertura rematou cun vídeo en homenaxe a Pedro Codesido, podólogo da entidade falecido este pasado ano.
O primeiro invitado en subir ao escenario foi o catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñería Agraria de Lleida Llaume Lloveras, que ofreceu un relatorio centrado nos principais aspectos da fertilización nitroxenada do millo, por ser este o elemento central deste cultivo.
O experto deu resposta a cinco preguntas que se deberían formular sempre antes de abonar: Que elementos fertilizantes se deben aplicar? En que cantidades? En que momento? Que modo de aplicación? Que tipo de fertilizante?. Lloveras deixou claro que non existe unha receita única e que estas respostas variarán en función de elementos como a fertilidade e o tipo de chan, a pluviometría, o tipo de rega, a rotación con outros cultivos, o prezo do millo e a súa relación co prezo do fertilizante etc. Non obstante, concluíu cunha idea clara e concisa: “Unha aplicación excesiva de nitróxeno ou de calquera outro elemento mineral non adoita implicar maiores rendementos e si pode contaminar, co cal se prexudica tanto o bolso como o medio ambiente”. Insistiu, ademais, na importancia de analizar o chan e de ver esta acción “como un investimento e non coma un gasto” para acertar no tipo de fertilización que se precisa en cada caso.
Foi despois a quenda do gandeiro e veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro Javier Liste, que centrou a súa presentación en como manexar as vacas sen estrés. Explicou que é o estrés, cales son as súas consecuencias na vaca e como esta o percibe, a fin de evitar que a acción humana teña unha repercusión negativa no proceso produtivo.
Liste profundou no comportamento das vacas dentro da granxa, en como se relacionan co resto dos animais e coa contorna, como interactúan cos operarios que tratan con elas e a que lle teñen medo. Todo isto para que tanto gandeiros como empregados sexan capaces de “comprender a forma que as vacas teñen de percibir o mundo” e traballar ao ritmo que elas marcan, “amodiño”, proporcionándolles benestar animal e coa premisa de que “é o único xeito de alcanzar a máxima produtividade da que son capaces”.
O relator incidiu en que para conseguir vacas que non se estresen cando as movamos “debemos realizar un bo adestramento desde pequenas e entrar a diario en todos os lotes, especialmente nos das xovencas”. Seguidamente, abordou como levar a cabo da maneira máis axeitada algunhas accións do día a día: como mover unha vaca, como metela na sala de muxido, como colocar o baño dos pés, como amarrala na cornadiza, como actuar na parideira etc.
A continuación o auditorio recibiu a Arturo Gómez, un veterinario vilalbés que asesora ganderías en medio mundo, entre elas Almarai, unha explotación de 25.000 vacas en Arabia Saudita. O experto falou de estrés por calor e de calidade do aire, dous conceptos moi ligados entre si e de cuxa mellora pode depender, en gran medida, a eficiencia da granxa.
Gómez asegurou que a acumulación de microorganismos (bacterias e fungos) vivos ou mortos é unha boa medida da calidade do aire requirida nunha explotación. En relación a isto, diversos estudos mostran que, de media, os establos presentan niveis de contaminación microbiana entre 10 e 100 veces máis que os límites recomendados, sendo un factor importante relacionado co incremento de enfermidades respiratorias e coa diminución do rendemento produtivo. Neste senso afirmou que “en Galicia, un mínimo de dez intercambios por hora do volume do establo garantirían unha calidade óptima do aire, aínda que durante as estacións con temperaturas máis elevadas, a taxa de intercambio debería aumentar a 40-50 intercambios do volume da explotación por hora”.
En canto ao estrés por calor, referiuse ao erro de comparar o nivel de confort humano co nivel de confort da vaca, cando non son niveis coincidentes –en vacas de produción o nivel de confort sitúase entre os 4 e os 15 °C–.
Logo de demostrar que en Galicia si existe estrés por calor en determinadas épocas do ano e que, polo tanto, é necesario e xustificado o investimento en sistemas de control, o experto abordou as estratexias máis empregadas para combatelo, tales como a ventilación natural e mecánica, a aspersión de auga para enfriar os animais –fundamental en combinación co movemento de aire–, a sombra e o illamento, a importancia da inxestión de auga adecuada e determinadas estratexias nutricionais.
Xa pola tarde, o veterinario levantino Francisco Sebastián, que na actualidade desenvolve o seu labor profesional como asesor de granxas, compartiu cos asistentes a súa experiencia na contratación e formación de traballadores asalariados, abordando aspectos como a conciliación da vida laboral e persoal ou a importancia da motivación continua dos empregados.
Na súa intervención, Sebastián puxo exemplos reais de granxas de diferentes tamaños para ver como organizan as quendas de traballo e como se distribúen as tarefas en función do dimensionamento do rabaño.
En canto a que un traballador se sinta valorado e non se vaia, dixo que “non só depende do salario que percibe, das horas traballadas e dos días libres de que dispón, senón que tamén hai que facelo partícipe de certas decisións, compartir resultados de consecución de obxectivos e, paulatinamente, aumentar as súas responsabilidades dentro da empresa para que se sinta orgulloso do grupo ao que pertence”.
A última conferencia do día, titulada ‘Tres xeitos de vivir o traspaso xeracional’, correu a cargo de representantes de tres recoñecidas ganderías galegas –Sar SL (Touro), SAT O Chope (Silleda) e SAT As Pandas (Vilalba)–. Todas teñen en común a súa aposta polo asociacionismo como maneira de afrontar o traspaso xeracional, de aumentar a súa capacidade produtiva e de mellorar a xestión do negocio e a súa calidade de vida.
A xornada rematou cun encontro gandeiro como espazo para o intercambio de opinións entre os asistentes.
O programa do venres
A xornada de mañá comezará cunha charla sobre eficiencia alimentaria a cargo do profesor Álvaro García (EE.UU.). Seguirao no estrado o veterinario de Seragro Juan Camilo Gómez para falar de reprodución e rematará a mañá o presidente do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), Miguel Ángel Riesgo, que explicará as modificacións que presenta a PAC 2018 e a postura que defende España na revisión que está a facer a Comisión Europea. A tarde estará dedicada á recría e terá lugar unha mesa redonda na que participarán a asesora Carolina Tejero, o veterinario de Seragro Rogelio Grille e un dos relatores de hoxe, Francisco Sebastián.