2 de Noviembre de 2018
O salón de actos do Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a presentación das XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, na que participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández Queipo; a presidenta de Seragro SCG, Noelia García Santoalla; o concelleiro de Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e os coordinadores do programa deste ano, Miguel Varela e Juan Camilo Gómez Hermida.
Na súa intervención, García Santoalla reiterou o agradecemento de Seragro á Deputación polo seu “apoio ininterrompido á celebración destas xornadas” e repasou algúns dos puntos débiles e fortes do sector lácteo galego. Entre os segundos destacou a capacidade de traballo e a posta ao día dos gandeiros galegos, e fixo fincapé na aposta polas novas tecnoloxías –arredor das cales xirará unha parte importante da programación deste ano– para aumentar e eficiencia das explotacións, todo un universo por percorrer que ofrece múltiples oportunidades.
Retos e oportunidades
Juan Camilo Gómez Hermida fixo un resumo das temáticas que se tratarán o primerio día. As Xornadas darán comezo coa intervención da veterinaria especialista en Bromatoloxía, Sanidade e Tecnoloxía dos Alimentos María Somolinos, que ofrecerá unha charla sobre o tratamento intelixente da hixienización da auga dentro do concepto global de bioseguridade, de maneira que esta contribúa de forma satisfactoria á rendibilidade da explotación.
Tal como avanzaba a presidenta de Seragro na súa intervención, as novas tecnoloxías ocuparán un lugar destacado dentro da programación deste ano. Federico Romero Yuste, Víctor Fuentes Veiga, José Luis Míguez Vázquez, Albino Iglesias Varela e Patricia Gómez Presa, todos eles técnicos de Seragro, profundarán no papel destas ferramentas en campos como a reprodución, a podoloxía, o muxido, a alimentación e a xestión a fin de camiñar cara a unha gandería de leite cada vez máis precisa e eficiente.
Xa pola tarde porase luz sobre algúns dos desafíos aos que se enfrontan os gandeiros na actualidade.
En primeiro lugar intervirá o doutor Bruno González-Zorn, que abordará as resistencias aos antibióticos, un tema de máxima actualidade con implicacións na saúde pública. O profesor de Sanidade Animal da Universidade Complutense de Madrid tratará de concienciar a técnicos e a gandeiros da importancia de facer uso responsable dos antibióticos para que estes continúen sendo efectivos.
A continuación desenvolverase unha mesa redonda sobre a xestión dos xurros en Galicia, o seu uso actual e os condicionantes de cara ao futuro. Estará integrada polo investigador do CIAM Juan Castro Insua e o representante da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea Juan Álvarez de la Puente. O primeiro achegará unha perspectiva práctica, explicando unha serie de boas prácticas no manexo do xurro adaptadas ás nosas condicións de clima e solo, as cales resultarán máis eficientes e máis económicas que a inxección directa. De la Puente ofrecerá unha visión máis global da situación e avanzará as que serán as directivas da nova PAC en materia de protección medioambiental e os requisitos que terán que cumprir os agricultores para poder recibir as axudas.
Pioneer, patrocinador do encontro gandeiro
De seguido celebrarase un encontro gandeiro no recibidor da facultade no que Pioneer presentará o seu novo servizo de mapeo e seguimento de parcelas vía satélite.
Podoloxia e recría, entre os temas do venres
O programa do venres, segundo adiantou Miguel Varela, iniciarase cunha conferencia sobre o impacto das coxeiras na economía e no benestar animal a cargo do xefe do Servizo de Ruminantes do Hospital Clínico Veterinario da Facultade de Veterinaria da UCM, Francisco Javier Blanco Murcia. O experto dará a coñecer os efectos económicos máis importantes das alteracións podais e os seus custos directos e indirectos.
Seguirao no estrado o enxeñeiro Iván Ansia Vázquez, na actualidade asistente de investigación da Universidade de Illinois (EE. UU.) O tema da súa conferencia será a recría e, en concreto, falará do manexo nutricional e social das xatas lactantes para conseguir futuras produtoras de leite máis rendibles. Ansia centrarase na maximización da inxestión de alimento durante as oito primeiras semanas de vida e na “facilitación social” a través da cría en parellas ou grupos dende os primeiros días de vida.
O punto de vista máis internacional porao Carlos Á. Hernández Mariscal, xerente de Control da Produción da Asociación Holstein de México, cunha exposición sobre a eficiencia nos establos leiteiros. O relator presentará cifras dos custos de produción das ganderías mexicanas, falará de como logran unha maior rendibilidade e explicará os aspectos que teñen máis en conta para conseguir un maior retorno económico.
O veterinario e perito en sinistros pecuarios Javier Camba Méndez abrirá o bloque vespertino cunha conferencia sobre o valor da vaca morta e a utilísima información que se pode obter coa necropsia de cara a coñecer as causas e previr futuras mortes na explotación.
Os gandeiros, protagonistas unha vez máis
Coma sempre, haberá un espazo dedicado ás experiencias dos gandeiros. Esta vez desenvolveranse tres charlas sobre tres estratexias distintas para a produción de leite. Ricardo Gómez, de Outeiro SC, expoñerá a súa experiencia coa raza Jersey; Santiago García Souto (Finca La Asunción) falará sobre a súa vida dedicada á frisona, e Jesús Perfecto Fernández Pérez (gandería de Pazos SCG) explicará as características do sistema ProCROSS.
Miguel Varela anunciou que a clausura correrá a cargo da química e divulgadora científica Déborah García e que incluirá o tradicional brinde do leite.