Xornadas Técnicas de Seragro
XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
18 de setembro, 18 e 19 de outubro, 18 e 19 de novembro.
Emisión on-line

As dúbidas sobre a dispoñibilidade de terras, os contratos e as axudas da PAC pechan as Xornadas

15 de Noviembre de 2013

Os tres temas de actualidade foron novamente postos sobre a mesa; non obstante, tamén se falou de xestión das forraxes, do período seco e mais da perspectiva empresarial de dúas explotacións da Coruña.

15.11.2013. O comezo da segunda parte das XI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite veu da man de Ángel Miranda, responsable do Departamento Técnico da cooperativa Os Irmandiños, cunha conferencia sobre a xestión da produción de forraxes. Na súa opinión, o gandeiro debe afrontar dous obxectivos: abastecer os animais de forraxes suficientes e de calidade e facelo a un prezo competitivo.

Miranda subliñou que as forraxes constitúen o principal compoñente da parte lentamente dixerible da ración das vacas de leite, que é crítica para acadar un bo índice de conversión (litros de leite producidos/kg de materia seca inxeridos), polo que recomendou planificar e supervisar a súa obtención dende que se sementan ata que se consomen. Ademais, indicou que é imprescindible que o gandeiro e o nutrólogo elaboren un presuposto forraxeiro e deu unhas pautas para aplicar co silo de millo e co silo de herba. Tamén aconsellou realizar “un control contable da actividade agrícola separada da gandeira”. Para o relator, a meta é avanzar na intensificación agrícola tanto como se avanzou na intensificación gandeira, unha tarefa “un pouco abandonada” na época de bonanza económica.

Posteriormente interviñeron Martín López e Noelia Mourazos, veterinarios do Servizo de Calidade do Leite de Seragro. A súa charla foi unha posta en valor da importancia do período seco en termos de saúde do ubre. Os dous técnicos expuxeron un estudo efectuado en 173 explotacións galegas e con 9.405 vacas secas entre xaneiro de 2012 e xuño de 2013, co que se propuxeron valorar o secado, interpretalo e comparar as diferenzas entre granxas e, finalmente, determinar a importancia dunha serie de factores nos bos resultados deste período.

Entre as conclusións acadadas destacaron que a eficiencia do período seco condiciona o estado de saúde do ubre na seguinte lactación; que o secado é un momento óptimo de curación de infeccións intramamarias, inda que o éxito dependerá do equilibrio co risco existente de novas infeccións; que os índices de células somáticas son unha ferramenta moi útil nun programa de calidade do leite; que a duración do período seco non é determinante en canto á saúde da glándula mamaria; que o manexo da alimentación e do confort é clave, ou que á hora de deseñar unha estratexia de secado hai que considerar o nivel produtivo.

Os seguintes protagonistas no estrado do salón de actos da Facultade de Veterinaria foron os gandeiros coruñeses Javier Vázquez García, da SAT Casa Menor (Boimorto), e Jesús Martínez Blanco, da SAT Familia Martínez (Vilasantar). En ambos os dous casos levan as explotacións de xeito diferente: a primeira SAT dispón dunha boa base territorial, moi boas condicións de benestar animal, bo traballo en mellora xenética e excelente balance reprodutivo; pola súa banda, a segunda gandería caracterízase pola incorporación de novas xeracións familiares, instalacións óptimas, bo confort animal, externalización da recría e unha axeitada xestión da man de obra. Con todo, teñen un punto en común, unha visión empresarial que os organizadores das Xornadas quixeron ofrecer como modelo no que fixarse á hora de tomar decisións con responsabilidade.

O debate sobre a actualidade do sector 

Francisco José Ónega López, investigador do Laboratorio do Territorio, formulou e respondeu tres preguntas relacionadas coa dispoñibilidade de terras, un tema candente.

A primeira, de se interesa máis terra ou se se necesita máis terra, respondeuna cun “non viría mal”, argumentando que, por exemplo, en Alemaña, Francia e O Reino Unido, tres países produtores de leite, son capaces de aumentar case ao mesmo tempo o tamaño dos rabaños e o da base territorial, aínda cando xa parten de superficies moito maiores, co cal, malia que agora mesmo non todas as granxas necesiten máis terras, pola incerteza do contexto sinalou que lle parece que paga a pena intentar adquirilas, xa que sempre se poden adaptar a outros tipos de produción.

A segunda, de se hai máis terra, tamén a respondeu afirmativamente, cun “algo parece que hai”. Apuntou neste caso ao plan piloto MobilízaTe, segundo o cal se cuantificou en máis de 32.000 hectáreas a superficie que se atopa na actualidade en estado de abandono en Galicia a pesar de presentar potencialidade para o cultivo de millo e de reunir as características estruturais mínimas para que sexa rendible. Para Ónega, “hai que ampliar a perspectiva xeográfica e hai que buscar que terra é apropiada para que tipo de aproveitamento”.

Á última pregunta, de se se pode conseguir máis terra, foi máis difícil darlle resposta. Afirmou que “hai bases para intentalo dun xeito activo”, facendo alusión a que existen un marco legal e instrumentos impulsados pola Administración (leis de montes, de mobilidade de terras, de concentración parcelaria…); porén, non están a funcionar e bota de menos que os gandeiros non reaccionen conxuntamente e con máis forza para demandar que as habiliten por completo.

As dúbidas sobre as posibilidades de incremento da superficie agraria pasaron da conferencia de Francisco para a mesa redonda. Moderada polo presidente de Seragro, Rogelio Grille, contou coa participación de Carlos Cabanas, director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Magrama; María do Mar Pérez Fra, profesora de Economía Aplicada na Politécnica de Lugo; Óscar Javier Pose Andrade, secretario de Servizos e Infraestruturas de Unións Agrarias; e o propio Francisco Ónega. Unha vez máis, no debate saíron cuestións coma por que non está resolta a mobilidade de terras cando é un problema do sector exposto por primeira vez xa hai moitos anos e que trataron gobernos de distinta índole política. Tamén se amosou o descontento pola incerteza acerca da longa negociación da PAC e dos criterios das axudas, que fai que os gandeiros teñan pouca marxe de manobra, e pola inestabilidade dos contratos lácteos, incluso na actualidade, coa suba de prezos.

O humor do monologuista Carlos Blanco precedeu ao brinde do leite co que Seragro acostuma a homenaxear aos produtores e despedilos ata o vindeiro ano.