14 de Noviembre de 2013
A primeira quenda de conferencias das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, desenvolvida ao longo do día no salón de actos da Facultade de Veterinaria de Lugo, xuntou ao redor de 700 asistentes.
No acto de apertura, o presidente de Seragro, Rogelio Grille, indicou que “independentemente do momento do sector, temos que seguir apostando pola produción” e expresou o desexo de “ver algo de luz nese horizonte de aquí a 2020”.
Grille estivo acompañado polo presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e polo decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina Pernas, ambos os dous representantes de institucións colaboradoras neste evento.
Germán Santamarina felicitou a Seragro pola “grandísima idea” de crear as Xornadas e recordoulle ao público que o crecemento de Seragro foi paralelo ao da Facultade da que é decano, xa que moitos técnicos veterinarios que hoxe asesoran aos gandeiros estudaron nela.
Finalmente, Gómez Besteiro resaltou que o feito de que as Xornadas sumen 11 anos “é unha mostra de que o sector do leite está vivo” e animou aos organizadores a que continúen trasladándolle os seus contidos ao conxunto da sociedade para que esta poida valorar a importancia da produción leiteira galega no panorama nacional.
Tras a inauguración, o primeiro relator en intervir foi Diego Martínez del Olmo, director do Departamento de Produto de Núter-Feed, quen explicou como realizar unha correcta monitorización pre e posparto nas granxas con base en nove indicadores, coma a identificación das enfermidades, a avaliación da condición corporal dos animais, a redución da inxestión de materia seca antes do parto, o cálculo da ratio de graxa bruta e proteína bruta no primeiro control leiteiro, o diagnóstico precoz de hipocalcemia ou a medición da temperatura rectal posparto.
Para Del Olmo, este tipo de control da transición, que é un período de estrés para as vacas, resulta fundamental para mellorar a súa eficiencia e o seu estado metabólico e garantir unha boa fertilidade, o que se traducirá nunha diminución do custo de eliminación de gando por causas involuntarias. De aí que, ademais de falar de monitorización, usase o termo ‘monetarización’: “Entre poder vender máis caro e producir máis barato sempre está a intersección da eficiencia”.
A seguinte charla correu a cargo de Gabriel Adin, director do Departamento de Gandería do Ministerio de Agricultura de Israel. A exposición de Adin centrouse no manexo das vacas de alta produción que fan no seu país e comezou co apuntamento da media de produción da vaca israelí: 11.475 litros de leite, cun 3,72% de graxa e un 3,32% de proteína, un reconto de 220.000 células somáticas e unha taxa de descarte do 33%. Citou a continuación entre as principais accións a levar a cabo para obter unha máxima produción leiteira o coidado dos comedeiros e dos bebedeiros (con atención a medidas, colocación, repartición da comida, abastecemento de auga, limpeza…); a definición da estratexia de alimentación, é dicir, da cantidade mínima e óptima de forraxe a incluír na ración, onde el aposta polas vantaxes do sistema unifeed; e, por último, un axeitado manexo do rabaño durante a muxidura, tanto referido á distribución en grupos en función do número de lactacións como ao número recomendable de muxidos.
Adin deulle importancia a estes puntos porque unha das metas do gando de leite é optimizar a eficiencia alimentaria: “Para chegar á máxima produción de leite necesítase un máximo consumo de materia seca”. Non obstante, sinalou que non hai estándares claros sobre a relación de conversión de quilos de alimento a quilos de leite e que o prezo da forraxe se incrementou nos últimos anos en Israel, o que levou a que a alimentación da cabana represente o 65% dos gastos.
Nas dúas derradeiras conferencias da mañá abordouse a podoloxía, outro aspecto que repercute no rendemento produtivo. O técnico de Seragro Pablo Salgado contou como analizala a través da recompilación e interpretación de datos estatísticos. Para iso desenvolveu os resultados dun estudo efectuado de agosto de 2012 a agosto de 2013 en 50 explotacións galegas que están nun programa de recorte funcional de pezuños. Deste estudo extraeron dúas conclusións claras: que as granxas con programa de recorte funcional logran unha boa saúde podal só se o devandito programa vai acompañado de boas instalacións e dun manexo adecuado e que ter unha mala saúde podal significa perder diñeiro.
Pola súa banda, Noureddine Charfeddine, técnico analista de Conafe, repasou algúns dos factores de risco que afectan á dermatite, á úlcera de sola e á lesión de liña branca, tres das patoloxías podais máis relevantes. Por exemplo, como factores de risco asociados ao animal mencionou o número de parto, os días en leite ou a presenza doutras lesións, e como factores asociados á gandería, o tamaño desta, a estabulación, o chan, o nivel xenético ou o número de visitas. Charfeddine afirmou que, se ben ningún factor por el mesmo parece determinante, a combinación de varios pode ser moi prexudicial para a saúde podal e remarcou a necesidade de facer unha recollida sistemática de información e de monitorizar as incidencias.
A sesión vespertina
Eva Mainau, investigadora do Servizo de Nutrición e Benestar Animal da Universidade Autónoma de Barcelona, abriu a quenda de relatorios da tarde dando a coñecer os protocolos europeos Welfare Quality de avaliación do confort animal en granxa, que considera válidos e fiables e que se estruturan en catro principios: boa alimentación, bo aloxamento, boa saúde e bo comportamento. Ademais, presentou un par de casos prácticos de valoración do benestar, referentes ao repouso (tempo que lles leva ás vacas deitarse e número de animais observados total ou parcialmente fóra da zona de descanso) e ao medo causado por unha mala relación entre o ser humano e o animal (distancia de fuxida dunha vaca cando está comendo e se lle achega unha persoa descoñecida).
Despois da intervención de Mainau subiu de novo ao escenario Gabriel Adin, nesta ocasión para compartir co auditorio a experiencia israelita en canto aos sistemas de recría de xovencas de substitución.
O programa do venres
Entre os temas que se tratarán na xornada de mañá atópanse a mobilidade de terras e o horizonte 2020 para o sector lácteo galego; este último protagonizará a mesa redonda das 17.00 horas. Ademais, membros das SAT Familia Martínez (Vilasantar) e Casa Menor (Boimorto) relatarán en que consiste o seu traballo cotián e que resultados obteñen, e falarase da xestión da produción de forraxe e mais do período seco.
Esta edición quedará clausurada ás 18.30 horas co tradicional brinde de leite, que conducirá o actor e monologuista Carlos Blanco.