8 de Noviembre de 2013
A undécima edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro na Facultade de Veterinaria de Lugo, presentouse esta mañá nun acto celebrado na Deputación de Lugo e no que participaron a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez; o presidente de Seragro S. Coop. Galega, Rogelio Grille, e os coordinadores do programa deste ano, Carlos Noya e Pedro Codesido.
Grille deixou claro o propósito deste encontro anual: “En Seragro ofrecémoslles asesoramento técnico aos gandeiros en calidade do leite, nutrición, podoloxía, reprodución…, que son os piares básicos dentro da produción de leite, e pretendemos que as Xornadas vaian nesa mesma liña”.
A outra premisa deste consolidado evento é a de pór en contacto a gandeiros, expertos e empresarios co fin de achegar coñecementos, compartir experiencias e debater sobre os temas que lle atinxen ao sector leiteiro. Ese será o obxectivo da mesa redonda que se celebrará o segundo día, na que se abordarán temas de actualidade como a futura PAC, a mobilidade de terras e os contratos lácteos e na que participarán representantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, da Consellería do Medio Rural e do Mar, da Universidade de Santiago de Compostela e de Unións Agrarias.
O período de transición e o período seco serán dous dos temas a tratar no programa deste ano. No primeiro caso, o director do Departamento de Núter-Feed, Diego Martínez del Olmo, exporá os diferentes indicadores para unha correcta monitorización pre e posparto. Pola súa banda, os veterinarios do Servizo de Calidade do Leite de Seragro Martín López e Noelia Mourazos abordarán o período seco desde o punto de vista dos factores que condicionan a súa eficiencia en termos de saúde do ubre.
No campo da podoloxía intervirán o técnico de Seragro Pablo Salgado, que compartirá cos asistentes os resultados dun estudo no que se compararon dous grupos de explotacións con bo e mal manexo da saúde podal, e o doutor enxeñeiro agrónomo Noureddine Charfeddine que, como complemento ao relatorio de Salgado, exporá os factores de risco e o diagnóstico por comparación da saúde podal nas ganderías de vacún de leite en Galicia.
O confort no vacún de leite será analizado por unha investigadora do Servizo de Nutrición e Benestar Animal (UAB), Eva Mainau, que falará do Welfare Quality, un proxecto de investigación da Unión Europea que propón unha serie de protocolos para a valoración de benestar animal.
Pola súa banda, o enxeñeiro agrónomo Ángel Miranda centrarase nas continuas decisións que o gandeiro debe afrontar para abastecer de forraxes de calidade a súa explotación e para facelo a un custo competitivo. O tamén responsable do Departamento Técnico de Os Irmandiños S. Coop. Galega comentará cales son os criterios para a produción de forraxes e fará especial fincapé no silo de millo por ser o principal ingrediente da ración das vacas en lactación.
A perspectiva internacional virá da man do director do Departamento de Gandería de Israel, Gabriel Adin, que desenvolverá dúas conferencias sobre manexo e alimentación de vacas de alta produción e sobre os aspectos clave da recría de xovencas en Israel, respectivamente.
Este ano, as Xornadas tamén contarán coa participación de dous gandeiros galegos que compartirán co auditorio a experiencia do día a día nas súas explotacións, a SAT Casa Menor de Boimorto e a SAT Familia Martínez de Vilasantar, ambas da provincia da Coruña.
A última charla antes da mesa redonda será a de Francisco José Ónega López, investigador do Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Lugo, que intentará darlles resposta ás seguintes preguntas: interesa/necesítase máis terra?, hai máis terra?, pódese conseguir máis terra?
As Xornadas quedarán clausuradas coa intervención do actor e monologuista Carlos Blanco e co tradicional brinde do leite, co que se pretende reivindicar e pór en valor o traballo dos produtores.
A calidade do programa deste ano non pasou desapercibida para a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, que clausurou o acto cunha felicitación para Seragro S. Coop. Galega: “Parabéns por seguir loitando nestes tempos difíciles e por non escatimar nun bo programa”.