- Detalles
-
Publicado o Martes, 29 Mai 2012 08:52
-
Visitas: 684
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá a granxa Rubén García de Cospeito que ten recibido axudas para a mellora da explotación ao abeiro de ordes de convocatorias de anos anteriores
Grazas a axudas á modernización a granxa puido proceder á implementación de melloras nas instalacións que contribuíron á redución de consumo de auga e das emisións de CO2
A granxa recibiu un dos Premios a Provedores e Gandeiros de Danone polas súas medidas respectuosas co medio ambiente
Os mozos e gandeiros teñen dúas semanas de prazo aínda para poder presentar a solicitude e optar a estas axudas
Ademais da modernización de instalacións, as axudas teñen, entre outros fins, aforrar enerxía ou auga, incorporar novas tecnoloxías e contribuír ao cumprimento das normas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais
A Consellería do Medio Rural e do Mar destina a axudas á modernización de explotacións agrarias e á incorporación de mozos máis de 23,5 millóns de euros para o ano 2012 que poderán ser incrementados con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma. Trátase dunha liña de axudas, publicadas este mesmo mes no Diario Oficial de Galicia (DOG), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e que a Conselleira lembrou que están a disposición do sector en Galicia no transcurso da visita que realizou esta mañá a unha granxa de Cospeito que foi beneficiaria deste tipo de axudas e que ten recibido galardóns como recoñecemento a un labor medioambientalmente sostible.
A conselleira lembrou que, grazas a liñas de desenvolvemento e mellora coma estas, o agro galego segue o seu proceso de evolución cara a conquerir explotacións agrarias máis competitivas e mellor dimensionadas. Así, ao esforzo inversor que realiza o sector produtor hai que sumarlle o esforzo que dende a Administración se segue a realizar mediante o financiamento de liñas de colaboración coma esta que aseguran a competitividade e a continuidade do tecido agrario.
Obxectivos e orzamento das axudas
A primeira liña de axudas ten como obxectivo modernizar as explotacións mediante o establecemento dun plan de mellora para a adaptación das explotacións, con vistas a reducir os custos de produción. Entre outros fins están tamén dedicadas a aforrar enerxía ou auga, a incorporar novas tecnoloxías e ao cumprimento das normas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais. No tocante ás axudas á incorporación de mozos á actividade agraria, están destinadas ao acceso das persoas mozas á titularidade das explotacións agrarias.
O orzamento previsto para estas dúas liñas ascende a 23.600.000 de euros, dos cales 16,6 corresponden a plans de melloras e 7 a incorporación de mozos.
Novidades
Como novidades máis salientables nas axudas á modernización das explotacións agrarias cómpre sinalar que, a partir deste ano, poderanse solicitar as subvencións para plans de mellora para a reordenación de superficies de pastoreo para uso en común. Trátase dunha aposta da Consellería do Medio Rural e do Mar para incrementar a base territorial das explotacións, co fin de minimizar custos na produción de leite e carne e preparar ás explotacións no marco da nova Política Agraria Común (PAC).
Tamén se poden solicitar axudas para plans de adaptación das explotacións porcinas galegas ás normas mínimas para a protección de porcos, co fin de que as que aínda non estean adaptadas poidan cumprir a normativa en benestar animal (que entra en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2013).
Entre outras liñas de axudas, destacar tamén as destinadas a plans de mellora para instalacións agrícolas e gandeiras, investimentos que supoñan un incremento da superficie forraxeira, implantación de cultivos e instalacións de aforro de auga e enerxía.
Granxa Rubén García
A explotación gandeira que visitou a conselleira hoxe, é unha explotación familiar que conta cun total de 90 reses e manexa unha superficie de 53 hectáreas de forraxes. Foi beneficiaria de axudas á modernización das súas infraestruturas en anos anteriores o que lle permitiu proceder á implementación de melloras nas instalacións que contribuíron á redución de consumo de auga e das emisións de CO2. Cuestións ambas que lle valeron este ano un dos Premios a Provedores e Gandeiros de Danone, Supplier Awards, polas súas medidas respectuosas co medio ambiente.
Noticia recopilada de : www.xunta.es 29-05-2012
- Detalles
-
Publicado o Luns, 07 Mai 2012 10:49
-
Visitas: 709
A Xunta amplía nun millón de euros as axudas para o emprego de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo
Con este incremento de crédito, a Consellería do Medio Rural e do Mar destina a este fin un total de 1,5 millóns de euros na convocatoria de 2012
A Consellería do Medio Rural e do Mar aumenta nun millón de euros o importe das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia. O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a orde na que se especifica o importe que se amplía para a convocatoria de 2012, co obxectivo de incrementar o número de beneficiarios destas axudas ao se recibir unha gran demanda destas achegas. Con estes novos fondos, a Consellería do Medio Rural e do Mar destina a este fin un total de 1,5 millóns de euros na convocatoria de 2012.
A introdución das novas tecnoloxías no emprego de maquinaria agrícola e a modernización de equipamentos ten unha repercusión moi positiva na seguridade e nas vertentes técnica, económica e medioambiental das explotacións agrarias.
A través destas subvencións, a Consellería do Medio Rural e do Mar busca promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo; fomentar a construción e/ou adquisición asociativa de edificacións e instalacións relacionadas co proceso produtivo nas explotacións; incentivar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos; racionalizar os custos de mecanización; incrementar a seguridade no traballo e reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas as cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (Sat) que teñan como obxectivo social prioritario a adquisición e uso de maquinaria, así como as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola. Tamén poderán beneficiarse outras agrupacións, especialmente comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendente superior ao 15% e asociacións de faba e castaña.
A convocatoria está aberta ademais ao resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestar servizos aos seus socios. As actividades que serán motivo de subvención céntranse na compra de maquinaria agrícola e na adquisición, construción ou mellora de equipamentos, tales como almacéns para maquinaria ou gastos xerais vinculados ao proxecto en honorarios profesionais.
Noticia recopilada de : www.xunta.es Santiago, 06/05/2012