Medio Rural e Xenética Fontao colaborarán na mellora da raza frisona galega

  • imprimir
AddThis Social Bookmark Button

Medio Rural e Xenética Fontao colaborarán na mellora da raza frisona galega

*       A través dun convenio asinado hoxe por Samuel Juárez e o presidente do Consello de Administración desta empresa, dotado con 700.000 euros    

*       Mediante este acordo, Xenética Fontao comprométese a adquirir no mercado internacional un volume anual mínimo de 100-150 embrións de alto valor xenético, e á súa implantación nas ganderías elite de Galicia

*       Os produtores de leite galegos son os destinatarios, polo que a consellería está a facilitar a súa maior integración no programa de mellora xenética da raza


O Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez e o Director Xeral de Produción Agropecuaria en calidade de presidente do Consello de Administración de Xenética Fontao, José Álvarez Robledo, rubricaron hoxe o convenio de colaboración entre consellería e Xenética Fontao para o desenvolvemento do Programa de Mellora Xenética da Raza Frisona en Galicia 2011-2014, por un importe de 700.000 euros. Nesta firma estiveron tamén o director de Xenética Fontao, Alejandro Fernández e o xerente de Cegacol, Ramiro Fouz Dopacio.

Este acordo enmárcase na importancia da selección xenética para o sector lácteo da nosa Comunidade, un eido produtivo que acada un valor estratéxico para o medio rural galego, ao representar o 30% da produción final agraria e o 50% da produción final gandeira. Así, con este convenio garántese o mantemento da xenética do frisón na elite europea, a través dunha colaboración que, coa participación de Xenética Fontao, permite situar aos gandeiros como principais protagonistas do proceso de mellora.

Actor fundamental

Xenética Fontao consolidouse, desde a súa creación, como un actor fundamental na mellora gandeira de Galicia, a través da xestión do centro de sementais, do banco de xermoplasma e coa prestación de servizos de biotecnoloxía do ADN. A partir de agora colaborará directamente no desenvolvemento do Programa de Mellora Xenética de Frisón, por ser a única entidade de Galicia con capacidade para producir e achegar doses seminais de alto mérito xenético a todas as ganderías galegas, implicándose particularmente nas actividades de transferencia embrionaria.

Centro de selección xenética

Por medio do convenio subscrito hoxe na propia Consellería do Medio Rural, Xenética Fontao comprométese a ingresar cada ano no centro de selección e mellora xenética de Fontao o número mínimo de novos sementais para testaxe, establecendo un programa de estudo anual de alomenos 50 sementais que ingresen neste centro para a súa proba e adquirir no mercado internacional un volume anual mínimo de 100-150 embrións, seleccionados de entre os mellores cruces.

Co fin de garantir a variabilidade xenética da cabana galega, o programa disporá dos medios técnicos necesarios para levar a cabo a xestión coas ganderías colaboradoras, coas que establecerá contratos para garantir a posesión dos dereitos sobre as mellores femias do programa. Precisamente a estas ganderías colaboradoras achegaráselles gratuitamente un mínimo de 30.000 doses anuais.

Transferencia embrionaria

O presente convenio terá como obxectivo primeiro desenvolver un sistema de incorporación ao plan galego de xenética elite a nivel mundial, baseado na xestión dun programa de transferencia embrionaria. O comité de selección (composto por representantes das asociacións provinciais de control de rendementos e da Asociación xestora do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frisona en Galicia) da cabana leiteira galega, capaz de identificar as nais e pais de futuros sementais do programa.

O departamento que dirixe Samuel Juárez financiará as actividades deste Programa con 700.000 euros, para o mantemento das actividades a desenvolver por Xenética Fontao. A axuda máxima estará limitada sobre os gastos subvencionables ata o 70% dos custos derivados da realización de probas destinadas a determinar a calidade xenética. Para o presente ano, a cantidade aportada será de 100.000 euros, sendo de 200.000 euros para as anualidades de 2012, 2013 e 2014. Estas cantidades poderanse incrementar con fondos autonómicos ou estatais destinados a este fin.

Nivel xenético de primeiro orde

A cabana frisona galega conta cun nivel xenético de primeiro orde, medido tanto nas medias produtivas e nos índices de mérito dos reprodutores rexistrados no Libro xenealóxico, como na produción de sementais de recoñecido prestixio no mercado internacional, ou no mantemento de liñas maternas elite. Non obstante, a evolución científica e os cambios socioeconómicos do sector leiteiro galego están a condicionar o seu futuro inmediato, de tal forma que non se poden descoñecer. Por unha parte, o desenvolvemento da tecnoloxía da estima do mérito xenético dos reprodutores mediante análises xenómicas está a supoñer unha revolución nos esquemas de selección e mellora das razas, que terá especial incidencia na incorporación de sementais aos centros de testaxe e na selección das nais de futuros sementais.

Tratase, en definitiva, de garantir e centrar o esforzo inversor da Consellería do Medio Rural na adquisición de material xenético de primeira orde, na busca de facilitarlle o mesmo aos produtores de leite galegos, destinatarios e principais interesados na mellora xenética da raza. Deste xeito se artellan mecanismos que procuren a súa maior integración nos procesos de toma de decisións e na corresponsabilidade económica do programa, tanto no seu sostemento como na participación dos beneficios.

Programa de mellora xenética

Con estas premisas, a Consellería do Medio Rural presentou unha evolución do Programa de mellora xenética para o quinquenio 2011-2015, que resulta da revisión e actualización do anterior, salvagardando os seus piares básicos e introducindo os axustes necesarios para adaptarse as novas variables de situación. Esta evolución do Programa, coa participación de Xenética Fontao permitirá un aforro no gasto público, con respecto a 2009, de 1 millón de euros.

Santiago, 29/08/2011 www.xunta.es