Axudas á mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas

AddThis Social Bookmark Button

 

  • Estas subvencións, xestionadas pola Consellería e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), perseguen a redución de gastos enerxéticos e de produción, así como fomentar as enerxías renovables

 

  • Fináncianse equipamentos de muxidura, sistemas de arrefriamento do leite, implantación de pradeiras, peches ou instalacións de enerxías renovables, entre outras actuacións

 

  • O orzamento inicial para estas axudas incrementarase de xeito significativo en breve, de acordo coas previsións que manexa a Consellería, incorporando fondos adicionais comunitarios, estatais e da propia Comunidade Autónoma


Santiago, 23/08/2011

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para o ano 2011 as axudas para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas a través da redución dos custes de produción, modificándose, ao tempo, a convocatoria orixinal destas axudas, que data de setembro de 2009.

Estas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen como finalidade principal apoiar investimentos destinados á redución dos gastos en enerxía, mediante o aforro e a eficiencia enerxética. Así, fináncianse baterías de condensadores, intercambiadores de placas de prearrefriamento, recuperadores de calor do sistema de arrefriamento do leite ou variadores de frecuencia nas bombas de baleiro de instalación de muxidura.

Aforro da factura enerxética

 
Estes equipos, unha vez instalados, supoñen un importante aforro da factura enerxética e, xa que logo, unha significativa redución dos custes de xestión da explotación, en tanto en canto a súa instalación incide de maneira directa e inmediata na rebaixa do consumo enerxético, ao tempo que fai máis sostible a súa actividade.

En semellantes termos, outro dos eixos de actuación que financia esta convocatoria refírese a investimentos destinados á redución de custes na produción leiteira e á maximización do uso de recursos propios da explotación.

Neste ámbito entran os equipamentos de muxidura, a instalación de muxidura en praza, tanques de refrixeración, peches, pastores eléctricos, camas de goma para cubículos, pradeiras, etc. Todas estas instalacións inciden de xeito moi positivo no manexo dos animais, na mellora do seu benestar e na calidade sanitaria xeral da explotación.

A terceira das liñas ás que van dirixidas estas axudas que xestiona Medio Rural ten que ver con investimentos destinados á substitución do uso de enerxías convencionais por renovables, caso dos módulos solar térmica, solar fotovoltáica, mixtas eólica-solar fotovoltáica ou biomasa térmica.

Minimizar a dependencia enerxética

 
En definitiva, as axudas reguladas nesta Orde do departamento que dirixe Samuel Juárez van dirixidas ao apoio dos investimentos que incidan na estratexia de redución de custos mediante o aforro e a eficiencia enerxéticas nas explotacións lácteas.

Búscase minimizar a dependencia externa da enerxía, así como a substitución de insumos por recursos naturais localmente dispoñibles. Enmárcanse no marco legal de apoios establecido pola Unión Europea.

Tal e como se destaca no preámbulo da norma publicada por Medio Rural en setembro de 2009 (DOG número 191, do día 29), a innegable transcendencia que as explotacións leiteiras presentan en Galicia desde unha dimensión económica, social e ambiental, e o seu importante peso relativo no conxunto do Estado, xustifica que unha parte considerable dos fondos adicionais derivados do Chequeo Médico e do Plan Europeo de Recuperación Económica (Pere) asignados ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia se destinen ao novo reto das medidas de acompañamento á reestruturación do sector lácteo.

O seu fin é o de mellorar a viabilidade e competitividade das explotacións leiteiras con perspectivas de continuidade, corrixindo o lastre que moitas destas explotacións poden ter polo esforzo feito para axustarse ao escenario actual, especialmente no caso dos territorios cun maior grao de dependencia do sector lácteo, de forma que se garanta a produción e as posibilidades de competir nun mercado liberalizado.

Preto de 500 expedientes certificados

 
Respecto das axudas do 2009, a día de hoxe a Consellería do Medio Rural certificou xa un total de 468 expedientes, cun importe total de 5,6 millóns de euros de axudas (hai que ter en conta que o prazo para certificar remataba o pasado 30 de xuño).

Para a nova convocatoria que se abre agora, cun prazo de presentación de solicitudes de un mes a partir de mañá, día de entrada en vigor da Orde, existe unha dispoñibilidade inicial de crédito de 40.000 euros, que se incrementará de maneira significativa en breve prazo, de acordo coas previsións que manexa a Consellería, incorporando fondos adicionais comunitarios, estatais e da propia Comunidade Autónoma.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día 24 de agosto.

 

 

 

Pincha aquí para ver a Orde DOG Núm. 160 Martes, 23 de agosto  2011