Co lema “Unha ollada cara ao futuro”, presentáronse hoxe as XII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

AddThis Social Bookmark Button

Presentacion-Jornadas-3web-boa

As XII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, que terán lugar os días 13 e 14 de novembro na Facultade de Veterinaria de Lugo (USC), presentáronse esta mañá nun acto celebrado na Granxa Provincial Gayoso Castro (Castro de Rei, Lugo) e nel participaron a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez; a presidenta de Seragro S. Coop. Galega, Noelia García Santoalla, e os veterinarios e coordinadores do programa deste ano, José Luís Míguez e Javier López Vila.

Na súa intervención, a presidenta de Seragro quixo remarcar que estas Xornadas están marcadas polo “futuro incerto” da produción leiteira debido á inmediata desaparición das cotas. Non obstante, recalcou que o agrogandeiro é un sector estratéxico para manter poboación activa en Galicia, polo que apelou ao papel esencial que deben xogar as administracións na consecución deste obxectivo. Ademais, agradeceulle á Deputación de Lugo a posta en marcha do centro de recría, o apoio mostrado ao sector e, en especial, a estas Xornadas Técnicas.

Un dos trazos máis significativos do programa deste ano é o seu carácter internacional, xa que por Lugo pasarán relatores procedentes de EE. UU., Francia, Holanda e Irlanda.

O primeiro en intervir vai ser o enxeñeiro agrónomo francés Albert Porte-Laborde, que presentará os estudos máis recentes feitos no seu país para a optimización do cultivo de millo, tan importante na alimentación das vacas leiteiras.

A continuación será a quenda de Juan Quezada, director de Seguridade, Recrutamento e Adestramento da empresa Milk Source de Wisconsin (EE. UU.). Quezada compartirá co auditorio as claves de funcionamento, dende o punto de vista do cadro de persoal, deste proxecto que na actualidade alcanza 28.300 vacas repartidas en cinco establos. Ao día seguinte presentará outra conferencia máis específica sobre os protocolos de traballo en cada área de produción que seguen en todas as granxas de Milk Source.

O venres tamén pasarán pola Facultade de Veterinaria dous integrantes da asociación europea de gandeiros de vacún leiteiro European Dairy Farmers (EDF), que explicarán dende os puntos de vista técnico-económico –Rick Hoksbergen, Holanda– e gandeiro –Tom Dunne, Irlanda– o modo de funcionamento desta organización independente, cuxo principal obxectivo é compartir o presente para mellorar o futuro a través do intercambio de experiencias e de coñecementos de profesional a profesional.

Sen dúbida, os gandeiros serán os outros grandes protagonistas do programa deste ano. Por unha banda,José Eladio Lavandeira explicará como xestiona a recría na súa explotación de Zas (A Coruña) e presentará unha avaliación dos custos que implica a partir da recompilación de datos históricos. Por outra banda, abordarase a implantación do terceiro muxido a partir da experiencia de tres ganderías galegas que representan os tipos máis habituais respecto da organización do traballo: unha granxa onde unicamente traballan empregados, unha explotación familiar e unha gandería con propietarios e empregados.

A estas charlas súmanse a do veterinario do Servizo de Reprodución de Seragro Luis Díaz, que departirá sobre a fertilidade do rabaño e a súa repercusión reprodutiva e económica no futuro da explotación, e a do doutor en Veterinaria Alejandro Fernández, que achegará unha visión práctica sobre a selección xenómica.

Dende Madrid chegará o enxeñeiro agrónomo Antonio Callejo, que exporá os criterios fundamentais a ter en conta á hora de deseñar unha instalación para vacún de leite, así como o papel que as novas tecnoloxías poden e deben desempeñar na xestión dunha granxa.

A última charla correrá a cargo do profesor de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Escola Politécnica Superior de Lugo Francisco Sineiro, que abordará os cambios que vai sufrir a produción de leite en Galicia a partir da desregulación total do sector coa supresión de cotas o ano que vén.

O acto desta mañá quedou clausurado coa intervención da vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo,Lara Méndez, que subliñou que a colaboración da institución provincial co sector primario é especialmente necesaria nun momento incerto, no que os 10.000 produtores de leite de Galicia queren saber que será do esforzo de investimento que fixeron nos últimos tempos para mellorar as súas explotacións.

Ver vídeo da presentación