Medio Rural e Mar aposta polos contratos lácteos nos que o prezo estea referenciado a algún indicador de mercado

AddThis Social Bookmark Button

pulloa

 



       A directora do Fondo Galego de Garantía Agraria, Patricia Ulloa, presentou esta mañá ao sector a ferramenta para a referenciación dos prezos nos contratos lácteos

   Deste xeito a Xunta busca favorecer os contratos lácteos de longa duración, que aporten maior estabilidade ao sector e poidan reducir os efectos da volatilidade

A Consellería do Medio Rural e do Mar aposta polos contratos lácteos nos que o prezo estea referenciado a algún indicador de mercado. Un exemplo desa aposta é a ferramenta para a referenciación dos prezos nos contratos lácteos, que esta mañá presentou ao sector a directora do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), Patricia Ulloa.

Esta ferramenta denomínase Xacobea e proporciona un valor ao cal referenciarse á hora de establecer un prezo do leite no contrato a asinar. Poderá ser empregada, de xeito voluntario, polas partes asinantes dos contratos de compravenda de leite de vacún, podendo elixir distintas opcións ás que desexen referenciar os prezos dos contratos, como por exemplo, a evolución actual dos prezos dos produtos lácteos industriais no mercado.

Ademais, a directora do FOGGA tamén presentou un índice de evolución dos custes de produción das explotacións de leite de vacún, desenvolvido en base á estrutura de custes das explotacións galegas. Estas ferramentas poñeranse a disposición do sector lácteo a través do Observatorio do sector lácteo de Galicia, “OLGA”, na web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Deste xeito, sinalou a directora do FOGGA, a Xunta busca favorecer os contratos lácteos de longa duración, que aporten maior estabilidade ao sector e poidan reducir os efectos da volatilidade. Neste sentido, Patricia Ulloa lembrou que a lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria contempla a posibilidade de ter en conta a evolución de indicadores de custos de produción á hora de fixar o prezo do leite nos contratos.

A maiores, lembrou que a formalización de contratos e o establecemento das súas condicións é unha obriga que atinxe ao sector e que a Xunta vai seguir promovendo a súa sinatura e velando para que se cumpra toda a normativa que os regula.

Santiago, 28/05/2014 www.xunta.es