A Xunta traballa no seguimento pormenorizado da actividade do lácteo....
- Detalles
- Publicado o Xoves, 24 Abril 2014 08:42
- Visitas: 705
· A conselleira sinalou que proximamente se presentará ao sector unha nova web do observatorio lácteo galego, que ten como obxectivo permitir o acceso a unha información máis completa para monitorizar a produción láctea
· Rosa Quintana fixo fincapé na necesidade de medidas de reforzo da xestión do mercado lácteo, demandadas polo Goberno Central, para “facer fronte a posibles volatilidades dos prezos durante o período 2015-2020”
· En relación á campaña láctea 2013/14 -que rematou o 31 de marzo- a conselleira lembrou que non existe risco de sobrepasar a cota dispoñible e que, polo tanto, non existirán sancións económicas por exceso de produción
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, sinalou hoxe no Parlamento que a Xunta traballa no seguimento pormenorizado da actividade do lácteo para avanzar na xestión do mercado deste sector. Este seguimento realízase, dixo, “baseándonos non só nos parámetros relativos a prezos e volumes, senón tamén aos custes e marxes”. Neste sentido, a conselleira sinalou que proximamente se presentará ao sector unha nova web do observatorio lácteo galego que ten como obxectivo permitir un acceso máis doado a unha información máis completa para monitorizar a produción láctea.
Esta ferramenta unirase ao labor do observatorio europeo e do estatal e, segundo subliñou a titular de Medio Rural e Mar, “é o inicio dunha xeira de medidas que demandamos no eido da xestión de mercados e da protección de marxes” para tratar de frear os posibles efectos negativos da finalización das cotas lácteas para 2015. Na adopción destas medidas, dixo, é clave o seguimento da actividade.
A conselleira fixo fincapé na necesidade destas medidas de reforzo da xestión do mercado lácteo, demandadas polo Goberno Central, para “facer fronte a posibles volatilidades dos prezos durante o período 2015-2020”. Nesta liña, sinalou, “debemos seguir dando pasos nas medidas do chamado paquete lácteo e demandar unha consideración especial coas explotacións máis vulnerables, situadas en zonas desfavorecidas, xa que se van enfrontar a dificultades especiais de competitividade”.
Campaña láctea 2013/2014
En relación á campaña láctea 2013/2014 -que rematou o 31 de marzo- Rosa Quintana lembrou que non existe risco de sobrepasamento da cota dispoñible a nivel do Estado, polo que “non existirán sancións económicas por exceso de produción”. Así se desprende, segundo indicou a conselleira, da estimación que figura no Informe mensual del régimen de tasa láctea do mes de febreiro, publicado recentemente polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).
De cara á campaña 2014-2015, a última con cota láctea, a conselleira sinalou que o seu departamento “está a lembrar unha vez máis ao sector, coa antelación suficiente, as obrigas e as sancións previstas na normativa actualmente vixente”, para evitar os problemas que suporía sufrir unha taxa láctea (sanción económica por exceso de produción) nesta última campaña continxentada.