A Xunta presenta ao sector lácteo un indicador que permite o seguimento actualizado da evolución dos custos de produción
- Detalles
- Publicado o Luns, 09 Decembro 2013 17:33
- Visitas: 674
- Este instrumento vailles permitir aos produtores e á industria planificar mellor a súa actividade
- A conselleira do Medio Rural e do Mar presidiu unha xuntanza entre gandeiros e representantes da industria na que tamén se analizou a situación actual e futura dos contratos lácteos
A Xunta presenta aos axentes do sector lácteo galego unha útil ferramenta para monitorizar a evolución dos custos de produción do leite, que lles permitirá planificar a súa produción coñecendo datos sobre as condicións desta variable de maneira actualizada.
Así o explicou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, antes de reunirse con produtores e industrias do sector.
A conselleira valorou que despois de moitos meses se poidan sentar Administración, produtores e industria a unha mesma mesa para abordar a situación actual e perspectivas de futuro do sector leiteiro. Congratulouse tamén polos bos prezos do leite neste momento, que segundo dixo “permítennos traballar con certa calma na análise e planificación futura deste sector, estratéxico para o noso agro”.
Esta reunión serviu para dar a coñecer ás organizacións profesionais agrarias, cooperativas e representantes da industria este indicador, elaborado por técnicos do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), organismo que depende da Consellería do Medio Rural e do Mar.
Esta ferramenta permite identificar a evolución dos custos de produción do leite, facilitando a obtención de conclusións claves na planificación da actividade do sector, tanto desde o punto de vista dos gandeiros como da industria. Ademais pode ser empregado como un dos indicadores á hora de crear un índice de referenciación dos prezos do leite nos contratos.
Na reunión tamén se analizou a situación actual e futura dos contratos lácteos, tendo en conta a súa importancia para o sector. Neste eido, a Xunta avoga porque os contratos sexan de longa duración e o prezo do leite sexa referenciado a un índice, desta maneira diminuirase a a incerteza dos axentes á hora de coñecer as condicións nas que se vai desenvolver a súa actividade e fará dos contratos un elemento estabilizador para o sector.
En todo caso, tamén se puxo de manifesto neste encontro que a formalización de contratos e o establecemento das súas condicións é unha obriga que atinxe ao sector. A Xunta o que fai e vai seguir facendo –tal e como afirmou hoxe a conselleira– é promover a súa sinatura, porque os considera de gran utilidade para o sector.
Tamén está publicada a noticia en Europapress.es no link