A Xunta suma 1,9 millóns de euros máis ás axudas para plans de mellora das explotacións e incorporación de mozos á actividade agraria Rosa Quintana visitou en Santa Comba a explotación Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Os Agros, perceptora desta
- Detalles
- Publicado o Mércores, 09 Outubro 2013 09:21
- Visitas: 665
- A Consellería do Medio Rural e do Mar vén de facer efectivos estes pagos, que se suman aos xa realizados ao longo deste ano ata superar os 15 millóns de euros
Por un lado, a Consellería vén de aboar unha cantidade superior a 1,2 millóns de euros para o pago das axudas aos plans de mellora das explotacións agrarias, beneficiando a 50 titulares. Por outro lado, o departamento que dirixe Rosa Quintana consigna unha cantidade de preto de 690.000 euros para o pago destinado a mozos que se incorporan á actividade agraria, con 31 beneficiados. Estes pagamentos correspóndense cos expedientes que xustificaron a realizacións das correspondentes inversións ou melloras, ou ben a instalación efectiva dos mozos nas correspondentes explotacións.Santa Comba (A Coruña), 8 de outubro de 2013.- A Consellería do Medio Rural e do Mar vén de facer efectivos pagos por un valor de 1,9 millóns de euros a beneficiarios das axudas aos plans de mellora de explotacións agrarias e á incorporación de mozos á actividade agraria. Así o destacou a conselleira, Rosa Quintana, durante a visita que realizou esta mañá á explotación Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Os Agros, situada no concello coruñés de Santa Comba.
Esta cifra de 1,9 millóns de euros (1,2 máis 0,7) vén a sumarse aos pagos realizados ao longo deste ano, sendo a cantidade total pagada destas axudas de 15,3 millóns de euros, co que se puido beneficiar a 542 titulares de explotacións agrarias. Así, 9,9 millóns de euros foron destinados a 387 beneficiarios de axudas a plans de melloras e 5,3 millóns de euros a 236 mozos que se incorporaron á actividade agraria.
Precisamente a SAT Os Agros foi perceptora de axudas á incorporación de mozos, de plans de mellora e de axudas do servizo de competitividade. Rosa Quintana, tras visitar as instalacións desta explotación que conta con 150 vacas de leite, avogou pola necesidade de renovación constante para adaptarse ás demandas do sector, así como a necesidade de promover o medio rural como unha fonte de riqueza e traballo para os mozos da nosa Comunidade.
Axudas para servizos de asesoramento A maiores, a Consellería do Medio Rural e do Mar tamén está a tramitar pagos por un valor de 1,6 millóns de euros a 4.266 beneficiarios das axudas destinadas á utilización dos servizos de asesoramento para titulares de explotacións agrarias.