Medio Rural e Mar fixa os prezos do servizo de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións gandeiras.

AddThis Social Bookmark Button

O importe medio a aplicar é de 0,37 euros/kg, o que supón unha redución do 19,5% este ano, en relación cos prezos do anterior plan

 

 A Consellería do Medio Rural e do Mar ven de establecer os prezos do servizo de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións gandeiras correspondentes aos seguros do plan 2013. O importe medio a aplicar é de 0,37 euros/kg, o que supón unha redución do 19,5% en relación cos prezos do anterior plan, que se situaban nos 0,46 euros/kg.

Para os animais bovinos o prezo fíxase nos 0,47 euros/kg (un 12% menos que o ano pasado), mentres que para o resto das especies queda establecido nos 0,28 euros/kg (cunha rebaixa do 24% en relación co plan anterior).

Estes índices serán publicados no Boletín Oficial do Estado, a través da correspondente orde do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para a súa entrada en vigor.

En Galicia contrátanse máis de 54.000 pólizas anuais de recollida e destrución de cadáveres nas explotacións gandeiras da Comunidade Autónoma. Aseguran a máis de 31,5 millóns de animais de todas as especies, cun capital asegurado de 240 millóns de euros. Estas pólizas teñen un custe neto duns 15 millóns de euros, dos que aproximadamente uns 4 millóns de euros corresponden á subvención da Xunta.

A recollida e destrución de cadáveres é un servizo de gran transcendencia para asegurar a bioseguridade nas explotacións gandeiras. En Galicia, organízase a través do sistema de seguros agrarios subvencionados que se publica nunha Orde anual da Consellería do Medio Rural e do Mar e da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (ENESA), dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Noticia recopilada de : www.mediorural.xunta.es, 19/07/2013