A Xunta xestionará as máis de 6.000 hectáreas de propietarios descoñecidos que se incorporarán ao Banco de Terras de Galicia

AddThis Social Bookmark Button

 

A Xunta xestionará as máis de 6.000 hectáreas de propietarios descoñecidos que se incorporarán ao Banco de Terras de Galicia

· A conselleira do Medio Rural e do Mar e a subsecretaria de Hacienda y Administraciones Públicas do Estado firmaron hoxe un convenio para a xestión de fincas con vocación agraria.

· A integración destas fincas ao Banco de Terras permitirá a posterior cesión do seu uso e aproveitamento a terceiros; así como o seu posible alleamento a favor da persoa ou entidade á que se lle cedeu a súa explotación

A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá poñer en disposición de agricultores e gandeiros as máis de 6.000 hectáreas estimadas de propietarios descoñecidos, existentes en Galicia e pertencentes ao Patrimonio do Estado. Así se decretou hoxe trala firma do convenio entre a Administración Xeral do Estado e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) sobre a xestión de fincas con vocación agraria. Estas parcelas serán incorporadas ao Banco de Terras e postas a disposición de agricultores e gandeiros de xeito gradual, a medida que se completen as inspeccións pertinentes, a depuración de datos catastrais e se comprobe a xeometría real das mesmas, atendendo principalmente, ás zonas de maior demanda de terra.



A titular de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, acompañada pola subsecretaria de Hacienda y Administraciones Públicas, Pilar Platero, destacou que Galicia é a primeira comunidade en subscribir coa Administración Xeral do Estado un convenio deste tipo, permitindo aos propietarios de explotacións agrogandeiras ter á súa disposición máis terra con capacidade produtiva, de xeito que poidan redimensionarse e abaratar os custes de produción.



Rosa Quintana salientou que a revalorización patrimonial destes predios permitirá a xeración de novas rendas no rural, mellorando a competitividade das explotacións e reducindo o risco de incendios grazas ao seu aproveitamento e mellora agroambiental.



Máis de 320.000 parcelas


Neste intre estímanse que existen en Galicia unhas 320.000 parcelas cuxo propietario non se coñece e que suman unha superficie de máis de 6.000 hectáreas. A problemática destas parcelas non está tanto na súa cantidade de superficie, senón en como están enclavadas no territorio, pois supoñen a miúdo a ruptura do lineal do parcelario agrario ao atoparse no medio dos diferentes grupos de parcelas (o que tamén dificulta as permutas) e, sobre todo, causando disfuncións ambientais como o seu estado de abandono.

O presente convenio ten por obxecto regular a integración no Banco de Terras de Galicia, xestionado por AGADER, das fincas con vocación agraria situadas no territorio da nosa Comunidade que sexan de titularidade da Administración Xeral do Estado ou que sexan obxecto dun procedemento de investigación dirixido a determinar se se trata de inmobles vacantes.



Esta integración, por tempo indefinido, realizarase de forma gradual segundo se vaian depurando fincas e informacións polo Banco de Terras para que esas parcelas estean dispoñibles para os gandeiros. A finalidade da mesma é que a entidade xestora poida proceder á posterior cesión do seu uso e aproveitamento a terceiros; así como o seu posible alleamento a favor da persoa ou entidade á que se lle cedeu a súa explotación.



Aluguer fincas


As parcelas estarán ofertadas co mesmo procedemento que calquera das que se xestionan a través do Banco de Terras, podendo consultar a dispoñibilidade na páxina web do Banco de Terras e podendo facer a solicitude de arrendamento para as mesmas nas datas sinaladas a tal efecto (o próximo período vai do 1 de marzo ata o 30 de Abril) e nas oficinas xestoras de Agader ou nas oficinas agrarias comarcais (OACs).



Condicións econômicas


As condicións económicas da cesión serán, como mínimo, as que resulten de aplicar os prezos de referencia fixados polo Consello da Xunta de Galicia.

No tocante á rendibilidade económica da cesión, esta será obxecto de reparto entre a Administración Xeral e a entidade xestora, quedando a disposición do Goberno Central un porcentaxe dos pagos realizados polo cesionario do 96%, correspondendo a porcentaxe restante á entidade xestora en concepto de prima de éxito pola xestión realizada.

Noticia recopilada de : www.mediorural.xunta.es Santiago, 12/02/2013