O DOG publica a asignación de dereitos de pagamento único da reserva nacional

AddThis Social Bookmark Button

O DOG publica a asignación de dereitos de pagamento único da reserva nacional, no marco do programa de reestruturación do sector lácteo

En Galicia poderanse beneficiar desta asignación unhas 10.500 explotacións cunha cota elixible de 2,18 millóns de toneladas, recibindo así un 44% do importe total a asignar

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) –organismo adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar– pola que se dá publicidade á asignación de dereitos de pagamento único da reserva nacional, no marco do programa de reestruturación do sector lácteo. Así, en Galicia poderanse beneficiar desta asignación unhas 10.500 explotacións cunha cota elixible de 2,18 millóns de toneladas. O importe estimado dos dereitos de pagamento único que recibirán será duns 6,9 millóns de euros sobre un total asignado no conxunto do Estado de 15,5 millóns.

As explotacións galegas recibirán un 44% do importe total a asignar, sendo este notablemente superior á porcentaxe que representan as entregas de Galicia no conxunto do Estado (38%). O importe medio será de 656 euros/explotación e de 3,18 €/tm de cantidade de referencia elixible.

Este proceso de asignación -que se realiza de maneira única na campaña 2012- ten como finalidade mellorar o tecido produtor, buscando unha dimensión media na explotación que se aproxime á media comunitaria (305.000 kg), para tratar de equiparala en termos de competitividade.

Coa asignación de dereitos de pagamento único regulada polo Real Decreto 1719/2012, trátase de dar un novo impulso ao sector produtor de vacún de leite, incrementando os apoios a través das axudas directas desacopladas que reciben estas explotacións. Polo tanto, esta acción suporá un reforzo económico para as explotacións, particularmente para as de tamaño medio. O obxectivo é contribuír á viabilidade das explotacións de vacún de leite e a súa pervivencia no medio rural.

Requisitos
Para o acceso a esta nova asignación, os produtores cuxas explotacións estean suxeitas a un programa de reestruturación deberán cumprir unha serie de requisitos, entre eles dispor no período de taxa 2011-2012 dunha cota por riba de 12.500 kg, e ter feito -para o mesmo período- entregas e/ou vendas directas, igualmente, por riba de 12.500 kg.

Ademais deberán presentar a solicitude única con cargo ao ano 2012, conforme o establecido na normativa comunitaria, incluíndo nesta a declaración de hectáreas admisibles para efectos do réxime do pagamento único e solicitando a asignación de dereitos da reserva nacional do réxime de pagamento único.

O período establecido para a presentación da solicitude única -e que terá que ir dirixida ao director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)- está comprendido entre o 2 de xaneiro e o 31 de xaneiro do presente ano 2013.

En todo caso, aqueles produtores que presentaran a solicitude única con cargo ao ano 2012 con anterioridade ao 29 de decembro pasado e que non pretendan introducir modificacións con respecto ás hectáreas admisibles declaradas, non estarán obrigados a presentar nova solicitude.

Santiago, 14/01/2013

 

Pincha aquí para desgar o DOGA en pdf