A Xunta destina máis de 23 millóns de euros en axudas á modernización de explotacións agrarias e á incorporación de mozos a esta actividade

  • imprimir
AddThis Social Bookmark Button

*       A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá a granxa Rubén García de Cospeito que ten recibido axudas para a mellora da explotación ao abeiro de ordes de convocatorias de anos anteriores

*       Grazas a axudas á modernización a granxa puido proceder á implementación de melloras nas instalacións que contribuíron á redución de consumo de auga e das emisións de CO2

*       A granxa recibiu un dos Premios a Provedores e Gandeiros de Danone polas súas medidas respectuosas co medio ambiente

*       Os mozos e gandeiros teñen dúas semanas de prazo aínda para poder presentar a solicitude e optar a estas axudas

*       Ademais da modernización de instalacións, as axudas teñen, entre outros fins, aforrar enerxía ou auga, incorporar novas tecnoloxías e contribuír ao cumprimento das normas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais

 

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina a axudas á modernización de explotacións agrarias e á incorporación de mozos máis de 23,5 millóns de euros para o ano 2012 que poderán ser incrementados con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma. Trátase dunha liña de axudas, publicadas este mesmo mes no Diario Oficial de Galicia (DOG), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e que a Conselleira lembrou que están a disposición do sector en Galicia no transcurso da visita que realizou esta mañá a unha granxa de Cospeito que foi beneficiaria deste tipo de axudas e que ten recibido galardóns como recoñecemento a un labor medioambientalmente sostible.


A conselleira lembrou que, grazas a liñas de desenvolvemento e mellora coma estas, o agro galego segue o seu proceso de evolución cara a conquerir explotacións agrarias máis competitivas e mellor dimensionadas. Así, ao esforzo inversor que realiza o sector produtor hai que sumarlle o esforzo que dende a Administración se segue a realizar mediante o financiamento de liñas de colaboración coma esta que aseguran a competitividade e a continuidade do tecido agrario.


Obxectivos e orzamento das axudas

A primeira liña de axudas ten como obxectivo modernizar as explotacións mediante o establecemento dun plan de mellora para a adaptación das explotacións, con vistas a reducir os custos de produción. Entre outros fins están tamén dedicadas a aforrar enerxía ou auga, a incorporar novas tecnoloxías e ao cumprimento das normas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais. No tocante ás axudas á incorporación de mozos á actividade agraria, están destinadas ao acceso das persoas mozas á titularidade das explotacións agrarias.

O orzamento previsto para estas dúas liñas ascende a 23.600.000 de euros, dos cales 16,6 corresponden a plans de melloras e 7 a incorporación de mozos.

Novidades
Como novidades máis salientables nas axudas á modernización das explotacións agrarias cómpre sinalar que, a partir deste ano, poderanse solicitar as subvencións para plans de mellora para a reordenación de superficies de pastoreo para uso en común. Trátase dunha aposta da Consellería do Medio Rural e do Mar para incrementar a base territorial das explotacións, co fin de minimizar custos na produción de leite e carne e preparar ás explotacións no marco da nova Política Agraria Común (PAC).


Tamén se poden solicitar axudas para plans de adaptación das explotacións porcinas galegas ás normas mínimas para a protección de porcos, co fin de que as que aínda non estean adaptadas poidan cumprir a normativa en benestar animal (que entra en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2013).

Entre outras liñas de axudas, destacar tamén as destinadas a plans de mellora para instalacións agrícolas e gandeiras, investimentos que supoñan un incremento da superficie forraxeira, implantación de cultivos e instalacións de aforro de auga e enerxía.


Granxa Rubén García

A explotación gandeira que visitou a conselleira hoxe, é unha explotación familiar que conta cun total de 90 reses e manexa unha superficie de 53 hectáreas de forraxes. Foi beneficiaria de axudas á modernización das súas infraestruturas en anos anteriores o que lle permitiu proceder á implementación de melloras nas instalacións que contribuíron á redución de consumo de auga e das emisións de CO2. Cuestións ambas que lle valeron este ano un dos Premios a Provedores e Gandeiros de Danone, Supplier Awards, polas súas medidas respectuosas co medio ambiente.

Noticia recopilada de : www.xunta.es 29-05-2012