Juárez asina coas catro asociacións provinciais galegas un convenio para mellorar os labores de control leiteiro oficial

  • imprimir
AddThis Social Bookmark Button

Este documento permitirá desenvolver as funcións e actividades do Centro Galego de Control Leiteiro (CEGACOL) que conforman os catro entes provinciais que supervisan o rendemento leiteiro (Africores)    

Con este convenio amósase o protagonismo que lle confire a Xunta a estas asociacións e aos propios gandeiros como pezas clave na recollida e tratamento da información procedente das explotacións


O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, asinou hoxe un convenio de colaboración cos presidentes das catro asociacións provinciais de control leiteiro (Africores) da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para desenvolver as funcións do Centro Galego de Control Leiteiro (CEGACOL) e participar no desenvolvemento do Programa de Mellora Xenética Frisón de Galicia 2011-2015.

Esta acordo ten como finalidade principal establecer o marco de financiamento, por parte da Xunta, das actividades de control leiteiro oficial, no marco de dito programa de mellora xenética. Así, concrétase e cuantifícase este apoio, partindo da consideración do lácteo como sector estratéxico. A dotación orzamentaria deste convenio ascende a 3,2 millóns de euros ata 2015.

Protagonismo dos gandeiros.

Con este convenio, tal e como salientou Samuel Juárez no acto de sinatura, amósase o claro protagonismo que lle confire a Xunta ás asociacións provinciais de control de rendemento leiteiro (e, xa que logo, aos gandeiros) como pezas clave na recollida e tratamento da información procedente das explotacións.

O titular de Medio Rural engadiu que coa creación do CEGACOL –e con este marco de financiamento– acádase, ademais, unha optimización dos recursos e unha maior eficiencia, xa que este centro actúa como órgano responsable e aglutinante das catro asociacións provinciais, xuntándose nel a xestión e os apoios.

A contía do financiamento por parte de Medio Rural ás Africores calcúlase proporcionalmente ao número de lactacións controladas anualmente por cada unha delas en cada provincia.

Colaboración activa.

De acordo co documento asinado hoxe, as Africores serán as encargadas de realizar a toma de mostras e recollida de datos para o control de rendementos, e comprométense ademais a prestar a súa colaboración activa no Programa galego de selección e mellora xenética do gando vacún frisón, participando activamente nas accións programadas pola Mesa técnica do mesmo e cooperando na difusión da mellora xenética e na implantación de mecanismos que permitan aos produtores de leite galegos acceder aos fondos xenéticos dispoñibles e resultantes da aplicación do programa.

Pola súa banda, Medio Rural exercerá o seguimento e control das actuacións obxecto deste convenio co persoal técnico da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Control de rendementos.

O Centro Galego de Control Leiteiro (CEGACOL) encárgase de realizar –baixo a supervisión da Consellería do Medio Rural– os labores de control de rendementos leiteiros da cabana gandeira galega e máis especificamente da raza frisona, que é a produtora de leite por antonomasia na nosa Comunidade.

Este centro non constitúe un ente ou organismo autónomo, senón que se trata dunha ferramenta para mellorar ese traballo de control a través da unión e colaboración de diferentes axentes: A propia Consellería do Medio Rural; as asociacións provinciais de control leiteiro (Africores); a Federación Frisona Galega, que xestiona o libro xenético desta raza, e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, LIGAL. Todo isto baixo a supervisión e co financiamento da Xunta, a través de Medio Rural.

Información recopilada de : www.xunta.es Santiago, 25/11/2011