Seragro, S.C.G.

O Consello da Xunta aprobou o Decreto de Medio Rural polo que se crea o rexistro de explotacións leiteiras de calidade diferenciada

  • imprimir
AddThis Social Bookmark Button

Con esta medida búscase achegar transparencia ao mercado do leite e contribuír a revalorizar as gandarías galegas que traballan para ofrecer ao consumidor un produto de alta calidade

Neste rexistro inscribiranse de oficio as explotacións leiteiras que, no marco do plan de controis oficiais da calidade do leite cru de vaca efectuados polos servizos veterinarios da Xunta, superen os parámetros de calidade esixidos


O Consello da Xunta autorizou hoxe a publicación, por parte da Consellería do Medio Rural, dun decreto polo que se crea o rexistro de explotacións leiteiras de calidade diferenciada. Con esta medida búscase achegar transparencia ao mercado e contribuír a revalorizar as gandarías galegas que traballan para ofrecer ao consumidor un produto de alta calidade.

 

Neste rexistro inscribiranse de oficio as explotacións leiteiras que, no marco de plan de controis oficiais da calidade do leite cru de vaca efectuados polos servizos veterinarios da Xunta, superen os parámetros de calidade esixidos polo devandito decreto.

Requisitos


Os requisitos para as explotacións son tres, en concreto: estar en posesión da carta verde de saneamento gandeiro; non ter sido obxecto de sanción por incumprimentos en materia de condicionalidade, sanidade e benestar animal e seguridade alimentaria durante os últimos seis meses, contados desde o día seguinte ao que adquira firmeza; e dispor dun historial de cumprimento acreditado duns parámetros técnicos que se especifican no propio decreto en canto á calidade do leite, no que atinxe a aspectos como as colonias de vermes, o contido de células somáticas ou os residuos de antibióticos.

Para a incorporación de datos no rexistro os laboratorios de análise rexistrados en Galicia deberán comunicar á dirección xeral competente en materia de gandaría, no prazo establecido en cada caso, a información técnica relativa ao seguimento dos anteditos parámetros de calidade.

Saúde pública.


A creación do rexistro enmárcase na protección da saúde pública dentro da produción alimentaria en xeral e leiteira en particular, e parte da base de que o mercado europeo valora cada día máis a produción de alimentos baixo sistemas integrais de calidade, que consideren a sanidade e o benestar animal xunto coa protección ambiental. Ten que ver, ademais, coa normativa comunitaria que regula os controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, así como con aqueles que buscan garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre a saúde animal e benestar dos animais.

 

Santiago, 08/04/2010

Noticia recopilada de : www.xunta.es 08-04-2010