Seragro, S.C.G.
O Consello da Xunta aproba o decreto polo que se regulan as entidades identificadoras de gando
- Detalles
- Publicado o Venres, 05 Novembro 2010 08:45
- Visitas: 234
A norma atinxe ás entidades identificadoras de gando bovino, ovino e cabrún e regula tamén o seu rexistro oficial
O Consello da Xunta aprobou esta mañá o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se regulan as entidades identificadoras de gando bovino, ovino e cabrún e o seu rexistro oficial.
A posta en marcha da Oficina Agraria Virtual, en combinación co servizo de atención telefónica á cidadanía que ofrece a Xunta de Galicia, serve de vehículo na optimización do sistema de identificación de gando. Mediante este sistema o gandeiro ten a opción de identificar el mesmo o gando ou pode, se así o desexa, encargar este traballo a unha entidade identificadora, que serán reguladas mediante este decreto.
O decreto ten por obxecto establecer as condicións que teñen que cumprir as entidades identificadoras para prestar os servizos de identificación do gando bovino, ovino e cabrún, definir as súas funcións e crear o seu rexistro oficial.
Entidade identificadora
Poderán rexistrarse como entidades as cooperativas, as agrupacións de defensa sanitaria, as entidades de aconsellamento, as empresas de servizos veterinarios ás explotacións, etc. que cumpran os requisitos recollidos no decreto. Entre os requisitos figura ter personalidade xurídica propia, dispor de medio técnicos suficientes para a realización das funcións de identificación e contar con persoal coa formación e experiencia suficientes, entre outros.
A evolución da gandería galega nos últimos anos, caracterizada por unha forte redución no número de explotacións e por un incremento dos censos medios por explotación, xunto co desenvolvemento das novas tecnoloxías da información, permiten a formulación de novos sistemas organizativos da identificación bovina, ovina e cabrúa, capaces de manter as ratios de eficacia actuais cuns niveis de eficiencia máis adecuados. Neste sentido, a posta en función da Oficina Agraria Virtual representa un importante activo na interacción entre a Administración e as persoas administradas.
Este instrumento, en combinación co servizo de atención telefónica á cidadanía que ofrece a Xunta de Galicia, serve de vehículo na optimización do sistema de identificación bovina, ovina e cabrúa. As entidades identificadoras poden prestar o servizo aos gandeiros que prefiran delegar a realización das tarefas de identificación nun terceiro. A conxunción ordenada das tres canles permite ofrecer un dispositivo de identificación animal eficaz e eficiente, que cobre a totalidade do territorio de Galicia, baixo o control dos servizos veterinarios oficiais.
Estas entidades, polo tanto, completan perfectamente un sistema gratuíto, áxil e eficaz que garante os valores da sanidade animal e da seguridade alimentaria, o que supón un aforro para administración de 5 millóns de euros na lexislatura.
Noticia recopilada de : www.mediorural.xunta.es , 04/11/2010