Seragro, S.C.G.

Medio Rural presenta ás Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira de Galicia a nova aplicación informática de xestión

AddThis Social Bookmark Button

Esta ferramenta permitiralles conectarse á base de datos oficial para levar o control sanitario das explotacións e manter actualizados os datos dos animais

O acto foi presidido polo conselleiro Samuel Juárez, acompañado polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo


Santiago, 10/03/2010

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, e o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, presentaron hoxe aos representantes das Agrupacións de Defensa Sanitaria de Galicia (ADSG) unha nova aplicación informática, financiada pola propia Consellería, que facilitará a xestión sanitaria e administrativa destas entidades.

Estea ferramenta permitirá aos servizos técnicos veterinarios das ADSG conectarse á base de datos oficial da administración para levar o control sanitario das súas explotacións e manter permanentemente actualizados os datos dos animais.

Ademais, con esta aplicación tamén poderán xestionar o envío de mostras ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia ou expedir certificacións para os movementos en relación aos programas sanitarios; contabilizar as compras e as facturas de cada explotación relacionadas cos programas sanitarios e tramitar vía web as solicitudes de axuda.

Con esta medida, a Consellería do Medio Rural manifesta e reafirma o seu compromiso co desenvolvemento das ADSG, claves no futuro da sanidade animal de Galicia.

Elevar o nivel sanitario
As Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira son asociacións constituídas polos propios gandeiros para elevar o nivel sanitario e zootécnico das súas explotacións, mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita fronte ás enfermidades animais e mellora das condicións hixiénicas.

Actualmente existen en Galicia un total de 95 entidades recoñecidas, que agrupan a máis de 12.000 explotacións das diferentes especies animais, cunhas porcentaxes de censo de gando integrado próximo ao 40% no caso do gando vacún e ao 90% no caso do gando porcino.

http://mediorural.xunta.es/nc/institucional/comunicacion/imprime_nova/?tipo=98

Noticia obtida de : www.xunta.es 11-03-2010