Seragro, S.C.G.
Medio Rural ordenou o pago anticipado de máis de 12 millóns de euros correspondentes ao anticipo da prima por vaca nutriz
- Detalles
- Publicado o Luns, 22 Marzo 2010 08:19
- Visitas: 857
Desta medida benefícianse preto de 12.000 gandeiros en toda Galicia
A Conselleria do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ordenou nestes días a transferencia a 11.806 gandeiros do anticipo da prima por vaca nutriz, por un importe total de 12.014.497,20 euros.
Este anticipo corresponde ao 60% do importe total da axuda por vacas nutriz con dereitos de prima, solicitada en 2009. O 40% restante o percibirán os gandeiros, xunto con outras primas ao gando vacún de carne (prima por sacrificio, prima adicional por vaca nutriz e pagamento adicional por vacún de calidade) antes do 30 de xuño de 2010, unha vez fixados polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño os importes por cabeza correspondentes á dita campaña en función dos animais con dereito en prima en todas as comunidades autónomas e dos límites orzamentarios establecidos para o Estado español.
Este adianto do pagamento ao sector de carne de vacún de mais de 12 millóns de euros, en mais de tres meses sobre a data normal de pago, contribuirá a mellorar a liquidez dunhas explotacións que están soportando un importante incremento nos custos de produción derivados, fundamentalmente, dos prezos de pensos e combustibles.
No cadro que se xunta indícase a distribución de gandeiros e importes nas catro provincias de Galicia, correspondendo a Lugo case o 52% dos gandeiros e mais do 63% do importe pagado:
PROVINCIA |
PRODUTORES |
IMPORTE PAGADO (€) |
A CORUÑA |
3.341 |
2.475.711,89 |
LUGO |
6.128 |
7.570.250,42 |
OURENSE |
1.473 |
1.348.757,22 |
PONTEVEDRA |
864 |
619.777,67 |
GALICIA |
11.806 |
12.014.497,20 |
Estas axudas de vacas nutrices para a campaña 2010 pódense solicitar nestes momentos e ata o vindeiro 30 de abril, xunto con outras axudas incluídas na solicitude unificada da PAC 2010, co colaboración de entidades financeiras, cooperativas e entidades de aconsellamento de explotacións agrarias que teñen asinado un convenio para esta finalidade co Fondo Galego de Garantía Agraria.
Ademais, nesta campaña como na de 2009, na solicitude unificada da PAC 2010 debe incluírse tamén a petición da prima por sacrificio de gando vacún polos animais que se sacrifiquen en 2010 e cumpran as condicións de acordo coas bases de datos da Administración, evitándose así a presentación de varias solicitudes ao longo do ano despois do sacrificio dos animais, como ocorría nas campañas anteriores a 2009.
Noticia obtida de : www.xunta.es 22-03-2010