Seragro, S.C.G.
En Galicia, unha explotación láctea gana un 13% menos que en Asturias
- Detalles
- Publicado o Martes, 15 Xuño 2010 09:45
- Visitas: 202
Unións Agrarias di que un gandeiro galego cobra ao ano 14.500 euros menos ca un asturiano en igualdade de condicións
As explotacións lácteas de Galicia perciben os prezos máis baixos de todas as comunidades produtoras de España, segundo o sindicato Unións Agrarias (UUAA). Esta “insostible situación”, din, supón que nun ano unha explotación galega en igualdade de condicións que unha asturiana percibe uns ingresos un 13,4% inferiores.
Esa porcentaxe, trasladada á renda real do gandeiro de Galicia, tradúcese nunha merma de 14.465,51 €, equivalente a case 2,5 millóns de pesetas, case o dobre do salario mínimo interprofesional. Este diferencial “marca ás claras o nivel de absoluta precariedade na que se atopan os ingresos do produtores galegos”, din desde o sindicato.
UUAA critica a actitude da Xunta ante este problema. “Lonxe de afrontar esta situación, por exemplo, convocando e presentando propostas na Mesa do Leite, a Consellería de Medio Rural parece terse botado en brazos das industrias para que sexa a patronal láctea a que lle diga o que ten que facer a fin de engrosar a súa conta de resultados”, apuntan.
Os datos de produción láctea no conxunto do Estado demostran que Galicia é a primeira comunidade autónoma produtora de leite, representando ela soa o 37,1% do total da produción estatal. Séguenlle en importancia, desde moi lonxe, Castela Léon, co 13,5% da produción; Cataluña, co 10,1%; Asturias, co 9,1%, e Andalucía co 7,5%. O sindicato UUAA “constata unha vez máis a absoluta insensibilidade do goberno de Núñez Feijoo cara o medio rural e cara as súas xentes, ás que quere reducir a galegos de segunda en canto a servizos públicos, programas sociais e posibilidades de desenvolvemento económico”.
O MÁIS BAIXO DE ESPAÑA
Segundo os datos aportados por UUAA, o prezo do leite que se lle paga ás explotacións gandeiras en Galicia é de 290,53 euros por cada mil litros, o máis baixo de toda España seguido de Castela e León e Cantabria, ambas por debaixo dos 300 euros por mil litros.
Na outra banda está Asturias, que alcanza os 337,47 euros, seguida de Andalucía, Aragón e Cataluña. A media española sitúase en 304,83 euros por mil litros, polo que supera en 14,3 euros o que se paga en Galicia. As explotacións lácteas da comunidad galega ingresaron o mes pasado unha media de 7.697 euros, moi lonxe dos 8.941 euros das asturianas, a pesar da diferenza de produción entre ambas comunidades. Ante esta situación, UUAA, reclama que a Consellería de Medio Rural convoque canto antes a Mesa do Leite “para presentar propostas e explicar o porque dese terrible diferencial”.
XORNAL.COM Actualizado 15/06/2010 - 01:35 h.