Seragro, S.C.G.
A Xunta flexibiliza a caza do xabaril para equilibrar os danos que este animal produce nos cultivos
- Detalles
- Publicado o Xoves, 09 Setembro 2010 08:35
- Visitas: 186
Na práctica, a caza do xabaril é posible realizala durante 10 meses ao ano
Medio Rural ven de elaborar un estudio exhaustivo, tanto da intensidade como da territorialidade dos danos, que será colgado na súa páxina web
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado polo director xeral de Conservación da Natureza Ricardo García-Borregón, ofreceu unha rolda de prensa sobre a tempada de caza 2010-2011 do xabaril e avanzou que a Consellería está a realizar un mapa no que se subliñan os concellos máis afectados por esta especie, para axilizar desta forma as batidas nestas zonas.
O titular de Medio Rural explicou que, ante a abundancia destes animais en algunhas zonas de Galicia, a Xunta flexibiliza os requisitos para que aqueles concellos máis afectados polos danos que acusa esta especie poidan realizar batidas sen a necesidade de ter que xustificar danos aos seus cultivos, senón polos datos dos mesmos que a Consellería ten de anos anteriores.
A tempada de caza é do 29 de agosto o 30 de xaneiro de 2011, estando prohibido cazar nos meses de febreiro e marzo porque é o tempo de reprodución. Neste senso, Júarez subliñou que grazas o estudo sobre a intensidade e territorialidade dos danos, levado a cabo por primeira vez dende a Consellería do Medio Rural, permitirá que se poidan facer batidas directas entre os meses de abril e agosto nas zonas destacadas no mapa, cuxa autorización será inmediata. Porén, os concellos que non figuren nesta aplicación deberán seguir solicitando a autorización neses meses.
Medio Rural espera ter este mapa elaborado antes de que remate a temporada de caza, prevista para o 30 de xaneiro, xa que hai que incorporar os datos desta tempada.
Tecores
A caza é xestionada polos terreos cinexeticamente ordenados (Tecores), quen tamén son os responsables dos posibles danos que esta actividade poida ocasionar.
Especie
O xabaril é un mamífero considerado na nosa lexislación unha especie cinexética de caza maior pero non se debe confundir como especie protexida. Nos últimos 30 anos sufriu un proceso de expansión natural que o fixo chegar a, practicamente, toda a xeografía galega sendo a menos poboada Pontevedra e, pola contra, Lugo e Ourense as de maior densidade. As capturas roldaron os 9.000 xabarís na última tempada
Noticia recopilada de : www.mediorural.xunta.es 09-09-2010