Seragro, S.C.G.
A mellor xovenca de Europa atópase en Galicia
- Detalles
- Publicado o Luns, 15 Marzo 2010 10:09
- Visitas: 207
A xata que encabeza o ranking de Europa chámase Selena e forma parte do Programa de Mellora Gandeira de Galicia que a Consellería do Medio Rural e FEFRIGA desenvolven na U.T.E de Bos, en Guísamo
A moderna técnica da análise xenómica ven de revelar que a xovenca (vaca de entre 12 e 24 meses destinada a recría) galega Selena ocupa o primeiro posto do ranking de xovencas de toda Europa. Selena forma parte do Programa de Mellora Gandeira de Galicia (PMG) que a Consellería do Medio Rural e a Federación Frisona Galega (FEFRIGA) desenvolven na U.T.E de Bos (Unidade de Transferencia Embrionaria), en Guísamo, no concello coruñés de Bergondo.
A técnica de análise da xenómica consiste en estudar o ADN dos animais e permite descubrir que exemplares portan ou non determinados xenes que codifican características apreciadas e buscadas nos esquemas de selección. No ranking europeo as xovencas son ordeadas polo índice global americano GTPI (Genomic Total Performance Index) no que Selena supera con creces, con un valor de GTPI igual á 2.465, á xovenca holandesa que ostentaba o título ata este momento.
O índice TPI calculase en base á información dispoñible dos animais e os seus parentes acerca de carácteres produtivos e morfolóxico-funcionais de importancia económica. A xata Selena é tamén a primeira da lista europea polo índice de Mérito Neto (NM) cun valor de 853 puntos. O NM é o índice americano que valora os animais en función da súa rendibilidade económica.
O segundo posto no índice de valoración xenómica ocúpao Secret, unha irmá da xovenca Selena, que ostenta tamén o 5º posto do ranking europeo. Ambas proceden dunha familia de vacas de Canadá e foron incorporadas mediante a importación de embrións deste pais ao Programa de Mellora Gandeira de Galicia.
Calidade xenética
A calidade xenética dos animais xurdidos deste Programa xa foi posta de manifesto en numerosas ocasións nas avaliacións xenéticas convencionais, ocupando os primeiros postos do ranking polo índice español ICO (Índice combinado de produción e tipo), tanto por parte das femias coma dos touros xurdidos deste Programa en Galicia, caso de Mario Xacobeo, o mellor semental frisón de España.
Programa de Mellora Gandeira
O éxito do Programa de Mellora Gandeira de Galicia radica na coordinación de accións e liñas de traballo que a Consellería do Medio Rural esta a levar a cabo en colaboración cos gandeiros e as súas asociacións, coma o control oficial de produción leiteira e a xestión do libro xenealóxico da raza, desenvolvidos polas Asociacións Frisonas de Control de Rendementos provinciais (AFRICOR) e a Federación Frisona Galega (FEFRIGA) respectivamente; e co centro de sementais Xenética Fontao.
Noticia obtida de : www.xunta.es 15-03-2010