Seragro, S.C.G.

A maioría das industrias lácteas galegas incumpre o compromiso asinado cos produtores hai sete meses en Madrid

  • imprimir
AddThis Social Bookmark Button

Medio Rural descoñece as razóns polas que non se formalizan máis “contratos homologados”, pero constata que aínda son minoritarios, e que son as empresas as que rexeitan a fórmula

 

Santiago, 23/02/2010

 

A Consellería do Medio Rural laméntase da actitude pouco colaboradora dalgunhas empresas lácteas (e tamén a declaración recente da Aelga, Asociación de Empresas Lácteas de Galicia), que non parecen ter moita intención de levar a bo porto o acordo do pasado mes de xullo en Madrid para potenciar a sinatura dos denominados “contratos homologados”.

 

Naquela xuntanza, e en sé ministerial, representantes de produtores e comercializadores de leite, e tamén a propia industria que anda agora molesta, comprometéranse a incrementar e acelerar a sinatura deste tipo de contratos. Pois ben, sete meses máis tarde daquel acto formal e solemne, unicamente se asinaron en Galicia 1.200 contratos ao abeiro daquel acordo, malia que existen na Comunidade máis de 13.000 explotacións abertas. É dicir, menos do 10 por cento dos centros de recolleita do leite están amparado baixo esta fórmula.

 

Ademais, é especialmente rechamante o dato de que, de entre os produtores galegos “privilexiados” por seren respectados nas condicións asinadas formalmente en sé ministerial, máis de 700 pertencen a cooperativas, é dicir, e para que ninguén se leve a engano, son ao tempo contratados e patróns

 

Deslealdade

Chama poderosamente a atención que parte da industria se sinta molesta cos feitos, cos datos puros e duros, que o conselleiro Samuel Juárez ten feito públicos nas últimas semanas. Máxime se temos en conta que, desde o primeiro momento da presente lexislatura, houbo unha permanente e fluída comunicación con tódolos axentes sociais implicados na cadea produtiva láctea, da que forman parte senlleira as industrias.

 

Precisamente por esa vontade de diálogo do actual equipo directivo da Consellería, que ninguén discute, ratificado e demostrable polas múltiplas xuntanzas desenvolvidas, cabe preguntarse con qué apelativo poderiamos cualificar a actitude desta asociación de industriais.

 

Non foi a Consellería do Medio Rural, senón a industria láctea, en compañía de representantes doutras partes do sector, quen asinou voluntariamente un acordo que recoñecía a necesidade dos contratos homologados como vía para vertebrar o sector. Sete meses máis tarde, a industria debería explicar por qué non se asinan máis contratos, en fin, por qué non hai interese pola súa parte na vertebración do sector. Por qué, outrosí, se asinou un contrato nunhas condicións nas que non se cría.

 

A Consellería do Medio Rural descoñece, desde logo, cales son as razóns de fondo para que boa parte da industria láctea galega siga sen asinar estes denominados “contratos homologados”. E agarda que, coa mesma contundencia con que se ten manifestado criticando ao conselleiro do Medio Rural, o faga dando explicacións sobre este extremo.

 

 

Anacronismo

O feito de que, até o de agora, a maioría dos produtores de Galicia non saiban cándo nin a cánto se lles vai pagar o litro de leite é impropio destes tempos, soa a un duro anacronismo que alguén tamén debería explicar desde a parte compradora. O conselleiro do Medio Rural, e canda el o resto do actual equipo directivo, permanecerá na actitude teimuda de denunciar esta inxustiza, cantas veces sexa preciso. E seguirán a pedir que esta situación mude, malia que a algúns lles pese e afecte aos petos.

 

En resumo, resulta a todas luces sorprendente que aqueles que asinaron un acordo que buscaba a vertebración do sector, e que sete meses máis tarde son incapaces de cumprilo, sexan agora os que achacan a responsabilidade a quen ¡non o asinou!, pero que en troques loitou sempre pola estabilidade do sector.

 

Finalmente, Medio Rural confía en que os datos que se dan nesta nota, e que reflicten feitos e números constatados e constatables, non sexan considerados pola devandita asociación coma un ataque. A Xunta ten feito público desde o primeiro momento da lexislatura a realidade do sector, e nese labor de constatación permanente, para mellor coñecemento de toda a sociedade, continuará. Malia as presións que reciba de quen unicamente loita polos seus intereses sen lle importar faltar á verdade.

 

Noticia obtida de : www.xunta.es 24-02-2010

 

http://mediorural.xunta.es/nc/institucional/comunicacion/nova/?tx_ttnews%5Btt_news%5D=3417&cHash=4229a77d72